Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia

Colegiación 2014
Calendario de actividades
Axenda de Goberno Colexial
Ley de Servicios Profesionales
proxectoterra
UAAAP
laboratorio de ideas
Arquitectos Galicia TV
Xestión patrimonial
en tránsito
información del programa
información del programa
diccionario visual de la construcción
Consejo Superior de Colegios de Arquitectos de España
Ofertas ao colectivo

Presentación | Normas | Regulamento | Procedemento | Informes

Regulamento

Aprobado por acordo da Xunta de Goberno nº 14/2012 de 5 de novembro, así como tamén o nomeamento do vocal encargado do mesmo, segundo establece o seu artigo 3.

REGULAMENTO DO SERVIZO DE DEONTOLOXÍA DO COLEXIO OFICIAL DE ARQUITECTOS DE GALICIA

PREÁMBULO

Entre os fins esenciais do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, recollidos no artigo 5, apartados b) e c) dos estatutos colexiais, están o de ordenar o exercicio profesional no marco das Leis e velar pola observancia da deontoloxía no exercicio da profesión e o respecto debido aos dereitos dos cidadáns. Para a consecución dos seus fins o Colexio exercerá, segundo dispón o artigo 6 dos seus estatutos, entre outras, funcións de ordenación como evitar o intrusismo profesional, velar pola ética e a dignidade da profesión, tanto nas relacións recíprocas entre Arquitectos, coma nas destes cos seus clientes así como exercer a potestade disciplinaria sobre os Arquitectos que incumpran os seus deberes colexiais ou profesionais, tanto legais coma deontolóxicos.

Así mesmo e en virtude das últimas modificacións lexislativas que regulan a actividade dos Colexios Profesionais en aplicación da Directiva Comunitaria de liberalización do sector servizos, tamén é obriga dos Colexios Profesionais resolver as queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou profesional dos seus colexiados, tanto se se presentan por calquera consumidor ou usuario que contrate os servizos profesionais dun arquitecto, ou a través de asociacións e organizacións de consumidores e usuarios en representación ou defensa dos intereses destes, instruíndo, cando proceda, polos órganos colexiais competentes, os oportunos expedientes informativos ou disciplinarios.

Para apoiar e asistir o labor do Colexio de Arquitectos nestes fins e funcións, a Xunta de Goberno considerou conveniente o establecemento e puxo en marcha do SERVIZO DE DEONTOLOXÍA no seu ámbito de actuación, cuxo funcionamento se rexerán polo regulamento que se desenvolve a continuación.

REGULAMENTO DO SERVIZO DE DEONTOLOXÍA

Artigo 1. Definición

Co obxecto de apoiar e asistir aos órganos competentes do Colexio nos seus fins de ordenar o correcto exercicio da profesión de arquitecto dentro do marco da Leis, así como o de velar pola observancia da deontoloxía no exercicio da profesión e o respecto debido aos dereitos dos cidadáns e dos arquitectos, se crea o Servizo de Deontoloxía do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, cuxo funcionamento se axustará ao disposto neste regulamento, nos estatutos colexiais e nas disposicións legais vixentes referidas a ese ámbito.

Artigo 2. Ámbito de actuación

O Servizo de Deontoloxía exercerá as súas funcións no ámbito de aplicación das normas deontolóxicas vixentes, entre outros, nos campos que se concretan a continuación:

  1. Nas formas de exercer a profesión polo arquitecto.
  2. Nas obrigas xerais do arquitecto.
  3. Nas súas incompatibilidades.
  4. Nas relacións do arquitecto cos clientes.
  5. Nas relacións do arquitecto cos contratistas e industriais.
  6. Nas relacións do arquitecto con outros profesionais que actúen como conselleiros técnicos ou como colaboradores.
  7. Nas relacións entre arquitectos.
  8. Nas relacións do arquitecto co Colexio.

Artigo 3. Organización

O servizo estará coordinado por un representante da Xunta de Goberno e integrado por aqueles colaboradores e servizos técnicos e administrativos da estrutura colexial que se consideren necesarios en cada momento para o seu bo funcionamento.

Artigo 4. Funcións do servizo.

Serán funcións do servizo as seguintes:

A) Relativas á tramitación de queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou profesional dos colexiados presentadas por estes ou por consumidores ou usuarios que contratasen os seus servizos profesionais, así como por asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa dos seus intereses así como á tramitación de denuncias formuladas en materia disciplinaria:

  1. Atender e informar acerca de todas aquelas queixas, reclamacións ou denuncias, que se reciban no propio servizo ou en calquera outro do Colexio relativas á actuación colexial ou profesional dos arquitectos adscritos, ao Colexio de Galicia, propoñendo a súa resolución en primeira instancia nun dos sentidos seguintes:
    1. remitindo o expediente aos órganos colexiais competentes, acompañado da correspondente proposta motivada, para instruír o oportuno expediente informativo ou disciplinario.
    2. propoñendo motivadamente aos órganos colexiais competentes o seu arquivo no que respecta á improcedencia de inicio de expediente disciplinario.

B) Relativas á tramitación de expedientes disciplinarios:

  1. Prestar a súa colaboración e asistencia técnica aos órganos colexiais competentes no trámite de información previa ou reservada nos termos que se lle indiquen, así como ao instrutor, se é o caso, designado para a tramitación dos expedientes disciplinarios.
  2. Seguimento dos expedientes disciplinarios que se tramiten ao obxecto de supervisar e velar polo cumprimento dos trámites e prazos establecidos en xeral, e en particular, na tramitación destes.
  3. Calquera outro labor de apoio e asistencia na tramitación dos expedientes nos termos que lle encomende a Xunta de Goberno no ámbito de actuación deste servizo.

C) Relativas a estudo e informe:

  1. Realizar os informes e estudos xerais ou específicos que lle encomende a Xunta de Goberno dentro do ámbito de actuación do servizo.
  2. Propoñer a realización de todas aquelas tarefas que se consideren necesarias ou convenientes para identificar a existencia de problemas en materia deontolóxica, de intrusismo profesional ou competencial desleal.
  3. Propoñer á Xunta de Goberno actuacións colexiais para cumprir e facer cumprir o Regulamento Deontolóxico Profesional, para evitar o intrusismo profesional, ou a competencia desleal.
  4. Informar a Xunta de Goberno, directamente ou a través do representante designado para o efecto, como mínimo unha vez cada trimestre, sobre a marcha do servizo, con independencia de que en asuntos particulares se poida solicitar información sobre a situación ou estado dun determinado expediente.

Artigo 5. Tramitación das queixas, reclamacións ou denuncias de colexiados e terceiros

  1. O Servizo de Deontoloxía encargarase da tramitación das queixas, reclamacións ou denuncias que se presenten nos termos que se determinan a continuación.
  2. Só se tramitarán aquelas queixas, reclamacións ou denuncias relativas a Arquitectos adscritos ao Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e que conteñan polo menos a seguinte información: identificación e firma (manuscrita ou dixital) da persoa solicitante, referencia da cuestión ou dos feitos obxecto de queixa, reclamación ou denuncia, e, cando proceda, pretensións ou obxecto da solicitude.
  3. Poderán utilizar o Servizo de Deontoloxía colexial:
    1. Os arquitectos adscritos ao Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
    2. Os clientes e usuarios dos servizos dos arquitectos adscritos ao Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
    3. Calquera persoa física ou xurídica que denuncie fundadamente a actuación dun arquitecto pertencente á organización colexial, por entender que vulnera a deontoloxía profesional e que teña un interese lexítimo no asunto.
  4. Toda queixa, reclamación ou denuncia terá un rexistro de identificación que permita o seu seguimento para os efectos de tramitación, xestión de documentación e resolución.
  5. De todo escrito ou solicitude do que se deriven manifestacións "negativas" para un Arquitecto informarase inmediatamente este, concedéndolle un prazo de dez días para que poida formular as explicacións ou realizar os comentarios que estime necesario.
  6. Dende o servizo poderase solicitar das partes a información que se considere necesaria para alcanzar o máis completo coñecemento do asunto así como aceptar a práctica dalgún medio de proba por solicitude de parte interesada.
  7. No prazo máximo de dous meses dende a recepción de toda a información e documentación requirida ás partes, emitirase un informe e proposta de resolución co contido previsto no artigo 4.A)1 deste regulamento, segundo proceda, que será remitida á Xunta de Goberno para a súa resolución.
  8. As resolucións da Xunta de Goberno serán notificadas ás partes. Se a resolución da Xunta de Goberno se dita no sentido de entender que existen indicios abondo que motiven o inicio de dilixencias previas ou dun expediente disciplinario, procederase conforme ao procedemento previsto nos estatutos colexiais, normativa do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España e demais que lle sexa de aplicación.
  9. Todas as resolucións adoptadas pola Xunta de Goberno, así como toda a documentación asociada, serán recollidas nun expediente que se manterá actualizado.

Artigo 6. Confidencialidade

Todos os aspectos de confidencialidade e acceso á información de carácter persoal ou profesional privados a que se teña acceso por persoal da organización colexial no desenvolvemento destas tarefas queda suxeito ás condicións de confidencialidade e protección de datos que, con carácter xeral, afectan a toda a organización colexial e que se poden consultar nos correspondentes regulamentos.

Artigo 7. Información e atención ao público.

O Servizo de Deontoloxía Colexial axustarase ao disposto na lexislación vixente.

Twitter Facebook

© Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia | Contactar | Aviso legal