Día Mundial    Cadernos de Viaxe     Cinecidade

O Colexio de Arquitectos de Santiago celebra hoxe o Día Mundial da Arquitectura reivindicando o valor natural e etnográfico do contorno do río Sarela ao paso do Camiño de Fisterra

Os arquitectos composteláns acóllense a unha proposta do Colexio de Arquitectos de Galicia para destinar a efeméride deste ano ás rutas dos Camiños de Santiago

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2010 (Vía Láctea Comunicación).- A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) celebra hoxe luns, 4 de outubro, o Día Mundial da Arquitectura baixo o tema Arquitectura e paisaxe nos Camiños de Santiago. Os arquitectos composteláns acolléronse á temática consensuada pola Xunta de Goberno do COAG, que dedica a súa efeméride aos camiños de Santiago neste ano compostelán de 2010.

O COAG quere reivindicar o conxunto arquitectónico e ambiental das rutas de peregrinación do Camiño de Santiago que discorren por Galicia: Camiño Francés, Camiño Inglés, Camiño Portugués, Camiño do Norte, Camiño Primitivo, Camiño de Fisterra e Vía da Prata. Cada delegación centrarase en tres compoñentes da súa ruta de peregrinación máis próxima: un elemento de valor paisaxístico do contorno físico, un elemento etnográfico de arquitectura tradicional e unha intervención contemporánea.

Saída desde Santiago ao Camiño de Fisterra

O COAG-Santiago quere chamar a atención sobre o valor paisaxístico da área do río Sarela, no punto onde a canle do río transcorre paralela ao Camiño de Fisterra. Neste lugar, sito a tan só dez minutos do casco urbano de Compostela, atópase un espazo natural pouco coñecido, que foi escenario no século XVIII e XIX da manufactura do coiro na cidade. Así, a delegación escolle como obra tradicional unha antiga curtidoría. Esta arquitectura popular de uso industrial estableceu unha relación directa entre a intervención humana e o contorno natural, posto que a industria do coiro empregaba a auga do río Sarela para lavar e pulir as súas peles. Trátase dun aproveitamento eficiente dos recursos naturais dispoñibles, que claramente axudaron a xerar riqueza económica.

A intervención contemporánea elexida é unha pavimentación do camiño, que foi integrada con moito respecto e delicadeza; e finalmente o elemento paisaxístico a destacar polo COAG-Santiago é un túnel natural que forma parte dunha arborada do traxecto último cara o rural do Camiño de Fisterra.





OUTROS ANOS:

2009: Unha nova man
2008: Serradoiros da bisbarra de Compostela
2007: Casa da Conga
2006: Monte Pío: Residencia Presidente da Xunta
2005: Conservatorio Profesional de Música de Santiago
2004: Mercado de Abastos
2003: Escola de Maxisterio
2002: Rehabilitación do restaurante Casa Manolo
2001: Casa de máquinas da rúa Galeras
2000: Edificio de vivendas da rúa Doutor Teijeiro

>> Nota de prensa (pdf )