Actividades
Día Mundial
Cadernos de Viaxe
Cinecidade

A Delegación compostelana do COAG quere celebrar este Día Mundial da Arquitectura, baixo o lema “A arquitectura como recurso”, lembrando a obra Casa de máquinas do arquitecto compostelán Jesús López de Rego Labarta. Escolleuse esta edificación pola súa estreita relación co lema exposto, ó se tratar dunha excelente mostra de arquitectura industrial. A Delegación santiaguesa do COAG reivindica nesta data a necesidade de conservar e rentabilizar o patrimonio arquitectónico industrial herdado, que a penas ten un século de vida. As fábricas foron un medio de expresión perfecto para as arquitecturas modernas polos seus espacios amplos e volumes puros e a súa sinxeleza nas formas xeométricas. O edificio de López de Rego é un adianto da arquitectura que xa existía noutros países como Alemaña e que xoga co ritmo e a proporción. Consideramos que é unha obra “filla do seu tempo”, exemplo perfecto do lema escollido para este día.

Jesús López de Rego Labarta

Naceu en Santiago en decembro de 1876 e trasládase a Madrid no ano 1883. Alí estudia a carreira de Arquitectura e traballa durante tres anos. En 1905 obtén a praza de profesor de Mecánica e Construcción Xeral de Artes e Industrias de Santiago.

De 1912 a 1914 ocupa interinamente a praza de arquitecto municipal, e en 1918 é nomeado arquitecto diocesán.

Foi vicepresidente da Asociación de Arquitectos de Galicia. A finais dos anos 20 deixa practicamente o exercicio profesional, dedicándose ó seu labor docente e de empresario en Automóbiles Santiagueses. Falece ós 96 anos en Santiago.

Atopamos mostras do seu traballo espalladas por toda a cidade de Santiago, entre elas destacan:

• Vivenda unifamiliar na rúa Tras do Pilar, 10 (1905)
• Edificio residencial na rúa do Preguntoiro, 6-8 (1905)
• Edificio residencial, Campo da Estrela, 28 (1908-1912)
• Pazo residencial Finca do Espiño-Carme de Abaixo (1910)
• Edificio residencial para o escultor López Pedre, rúa do Pombal, 32 (1916)
• Almacéns Simeón, rúa das Casas Reais 3-5 (1920)
• Escola da Inmaculada Concepción “Concepción Arenal”, rúa Irmáns García Blanco (1920)
• Pavillón de dormitorios de Asilo de Carretas, rúa Carretas, 27 e 29 (1920)


Obra: A Casa de máquinas da rúa Galeras
Arquitecto: Jesús López de Rego Labarta