Actividades
Día Mundial
Cadernos de Viaxe
Cinecidade

O novo local Casa Manolo
A estancia que alberga o coñecido restaurante da praza de Cervantes, está concebida, segundo se recolle na memoria do proxecto, como un traballo centrado na localización dunha serie de corpos xeométricos para conter as instalacións. Dúas grandes caixas de madeira albergan os servicios e a cociña. Localizouse o comedor nunha planta semisoto aberta á luz por medio dun dobre espacio vencellado á fachada traseira. A iluminación e o mobiliario deseñado apoian a idea da austeridade global do proxecto.


Obra: Rehabilitación do restaurante Casa Manolo
Arquitecto: Pedro de Llano

Pedro de Llano
Nacido en A Coruña en 1947, o arquitecto contou para este proxecto coa colaboración de Alfonso Salgado, arquitecto, e de Antonio Reboreda, enxeñeiro. Catedrático da Escola de Arquitectura da Coruña e autor de libros como Arquitectura popular en Galicia ou Razón e construcción, De Llano dirixiu traballos como o da

rehabilitación do Pazo de Raxoi para albergar a sede do Consello da Cultura Galega. Outra das súas obras foi o proxecto de rehabilitación integrada da aldea do Piornedo de Ancares, merecedora do Premio da Crítica Galicia.

De Llano entende que pequenas intervencións como a rehabilitación de Casa Manolo son grandes contribucións á xeneración do patrimonio cultural. “É importante intervir nas construccións cunha visión cultural e espacial vencellada ó noso tempo”, explica. O arquitecto fala da Arquitectura como algo vivo, que nunca estivo parada ó longo da historia, por iso defende o proceso rehabilitador respectuoso co patrimonio herdado pero aproveitando os medios e as tecnoloxías do século XXI.