Día Mundial    Cadernos de Viaxe     Cinecidade

O Colexio de Arquitectos acolle esta tarde a presentación da mostra Galicia en Foco e do número 24 da revista Ferrol Análisis

A exposición recolle 72 imaxes e 17 reportaxes de 43 fotorreporteiros dos medios impresos galegos

O fotógrafo vigués Miguel Riopa foi o gañador desta edición por unha reportaxe sobre a folga do metal en Vigo

      ACTO DE INAUGURACIÓN
            -sede COAG_Casa da Conga_A Quintana
            -20:00 horas
      ASISTEN
            -Miguel Riopa
            -Maria Xosé Rodríguez Galdo
            -Siro López
            -Xosé Antonio Ponte Far
            -Xoán Rubia

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2009 (Vía Láctea Comunicación).- A sala de exposicións do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acolle ata o próximo mércores 30 de decembro a vixésima edición da mostra 'Galicia en Foco', actividade programada pola Delegación de Santiago, que se inaugurará esta tarde ás 20:00 horas na Casa da Conga. A mostra retracta en impactantes imaxes a realidade máis destacada de Galicia nestes últimos meses.

A iniciativa, promovida polo Club de Prensa de Ferrol, trata de recoller os acontecementos máis importantes a través da visión dos que foron protagonistas de excepción destes feitos. No acto de inauguración e entrega do premio á mellor foto do ano estarán presentes o presidente da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG-Santiago), Jorge Duarte; o coordinador da Cominsión de Cutura do COAG-Santiago, Iván Andrés, e o secretario do Club de Prensa de Ferrol, Luis Mera.

As fotografías seleccionadas para a mostra publicáronse ao longo de 2009 en diferentes medios de comunicación galegos e nacionais. Un total de 72 fotografías e 17 reportaxes (compostas por unha serie de tres fotografías cada unha) de 43 fotorreporteiros recollen diferentes momentos políticos, sociais e culturais do ano.

Segundo o Club de Prensa de Ferrol, o concurso 'Galicia en foco' ten unha doble valía, porque amosa unhas "imaxes fermosas e redondas da realidade galega", e porque axuda a ter unha idea de como debería ou podería ser esa realidade noutro contexto e situación. O Club entende que a fotografía ten un compoñente informativo, periodístico, e outro artístico polo que é capaz de transformarse en creadora dunha realidade máis figurada e creativa.

Todas as fotos deste novo caderno de 'Galicia en foco' conteñen un valor en sí mesmas, na súa plasticidade, na súa precisión e composición, e ademais son capaces de fomentar a reflexión e a creatividade. En definitva, os representantes do Club de Prensa ferrolano aseguran que se trata dunha antoloxía das mellores fotos dos artistas galegos, e un verdadeiro exercicio de arte e fotoxornalismo.

A fotografía premiada este ano é obra de Miguel Riopa e forma parte dunha reportaxe publicada pola Axencia France Presse, titulada "Loita do Metal" e realizada en Vigo o 4 de xuño de 2009, que saíu a posteriori nas páxinas de diversos medios nacionais. Riopa recollerá esta tarde o galardón, unha escultura orixinal deseñada en exclusiva para o certame por Isaac Díaz Pardo. O fotógrafo presentou esta reportaxe, composta por tres imaxes, que realizou en plena folga dos traballadores do metal na cidade olívica. "Fue una de las jornadas de mayor carga policial, uno de los días más duros de la huelga" —manifesta Riopa.

Entre os fotorreporteiros que participan na exposición figuran habituais da prensa diaria como José Luiz Oubiña, Álvaro Ballesteros, Amador Lorenzo Blach, Andrés Fraga Pérez, Ángel Manso Fernández, Antonio Hernández Ríos, Francisco Puñal Suárez, Jorge Meis, Kiko Delgado, Luis Polo, Moncho Fuentes García, Olalla Lojo Ríos, Óscar Corral, Susy Suárez, Xabier Quintana, Xoan A. Soler e Guillermo Sotelo Rodríguez, entre outros.

Revista 'Ferrol Análisis'

Ademais, o COAG-Santiago acolle esta tarde a presentación do número 24 da prestixiosa revista de pensamiento e cultura 'Ferrol Análisis', publicación promovida polo Club de Prensa de Ferrol, que inclúe nesta tirada os Cadernos Ferrol Análisis nº 23 titulados, "O humor desde Ferrol: Siro e Xaquín Marín".

Hai dezanove anos que comezou a súa andaina e hoxe en día é a revista máis lonxeva de Ferrol e está considerada como unha das mellores de España. No acto de presentación estarán presentes a catedrática da USC, María Xosé Rodríguez Galdo; o artista gráfico, Siro López; o director de Ferrol Análisis, Xosé A. Ponte; e o vocal de Comunicación do Club de Prensa, Xoán Rubia.

Esta publicación anual naceu en 1990 ao fío da tradición existente en Ferrol, prolífico en publicacións, emanada dun amplo grupo de persoas vinculadas cos medios de comunicación, que querían exercitar metodicamente a reflexión coa maior transparencia posible, libre de prexuízos, xurdida do libre pensamento sen fronteiras, vertebrando en temática do local ao universal.

A temática estrutúrase en sete apartados: 1. Galicia, inclúe todos os temas dedicados a cultura, historia, ciencia e industria, onde quedan incluídos os trabajos e os estudos sobre Ferrol e comarca; 2. Internacional, é o espazo e a encrucillada do mundo global onde diversos intelectuais de EE.UU., Reino Unido, Italia, Cuba ou do propio Estado español expresan as súas ideas sobre os problemas que preocupan á cidadanía en calquera país do mundo; 3. Curso Gurméndez, este apartado recolle os relatorios dos profesores que participan no correspondente curso; 4. Estudo Monográfico, estas páxinas recollen a historia de personaxes locais con proxección universalista ou temas que trascenden o específicamente local; 5. Cartulario, o Consello de Redacción propón un tema para a reflexión e o debate entre dous autores que teñan unha visión diferente do tema proposto; 6. Documentación, trátase dun espazo que recupera documentos históricos descoñecidos ou pouco divulgados; 7. Creación, está dedicado aos poetas non consagrados; 8. Portafolio, ofrece unha reportaxe fotográfica do cámara gañador da Foto do Ano da edición anual de Galicia en Foco.

O número 24 da revista presenta unha selección de temas moi variados. Inclúe na sección Galicia unha reportaxe sobre "Victor Santos Pruneda Soriano (1809-1882): Un republicano-federal ferrolano en tierras turolenses", de José Ramón Villanueva Herrero; e unha segunda reportaxe de Alejandro Anca Alamillo sobre "Andrés Antelo Lamas: notable operario de la Maestranza ferrolana". No apartado de Internacional figurna varios artigos como o de Carlos Taibo ("Vinte anos despois da desaparición do muro") e o de Manuel Sánchez-Moraleda Sánchez ("Destacado esfuerzo español de apoyo en la Guerra del Golfo. 1990-1991"). En canto ás páxinas dedicadas ao Curso Gurméndez neste número aparecen os relatorios de Santos Juliá e de José Antonio Martín Pallín. Ademais incluíronse oito monográficos e outra serie de contidos.

>> Tríptico Ferrol Análisis nº 24 (pdf )
>> Tríptico Galicia en Foco, 20 anos (pdf 3,3MB)