>> Nota de Prensa  26.11.10 (pdf)
>> Presentación do estudio (pdf)












Os arquitectos Teresa Batlle e Felipe Pich-Aguilera presentan en Santiago varios dos seus proxectos, bandeira de sostibilidade e respecto ao medioambiente

Estruturan as súas obras seguindo tres liñas de traballo: industria, atmósfera e territorio

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2010 (Vía Láctea Comunicación).- A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) pecha esta fin de semana a décimo terceira edición das Xornadas de Arquitectura Bioclimática. A partir das 19:00 horas desta tarde celebrarase un relatorio a cargo dos arquitectos Teresa Batlle e Felipe Pich-Aguilera, do estudio Picharchitects, ubicado en Barcelona. Estes profesionais falarán sobre a relación, e mesmo amizade, que se establece na actualidade entre a arquitectura e o medio ambiente.

Este estudio ten como lema o respecto ao medioambiente, onde a arquitectura debe buscar alternativas que proporcionen unha relación máis estimulante coa natureza e unha aplicación máis honesta dos recursos naturais, que poidan ofrecer pautas obxectivas para abordar o planeamento e a tecnoloxía da construción desde unha apreciación contemporánea. “Una de las características que define el despacho es la apuesta por la arquitectura sostenible y el respeto al medioambiente, así como una búsqueda de nuevos sistemas constructivos basados en la industrialización de los procesos. En este sentido el despacho ha participado en numerosos cursos y másteres y organizado debates, mesas redondas y actividades” –explica Batlle.

Tres liñas de traballo

Para exemplificar esta relación constante, os dous arquitectos expoñerán varios proxectos que marcaron a evolución do seu estudio. En primeiro lugar, falarán de varios traballos que engloban dentro da temática Industria, como camiño para mellorar os procesos da construción, a súa eficiencia e a súa calidade, como as Escolas de Sant Cugal, Terrassa e Barcelona, unha serie de vivendas na capital catalá e outras de tipo social en Vitoria.

Outra liña de traballo que presentarán esta tarde no COAG será Atmósferas, onde segundo o criterio desta parella de arquitectos a edificacion debe comportarse como unha atmósfera complementaria á natural, creando o seu propio confort complementario ao do contorno onde se intervén. Esta forma de concibir a arquitectura reflíctese en oficinas de Barcelona e nun parque tecnolóxico en Lérida.

Finalmente, Batlle e Pich-Aguilera relatarán a arquitectura desde o punto de vista do Territorio, explicando como a edificación e o planeamento infllúen na transformación do territorio, pero non na súa ocupación. Expoñerán proxectos como a análise bioclimática do Casco Antigo de Toledo, un hotel en Málaga, un barrio autosuficiente en Barcelona ou o proxecto Torre-Xardín (unha investigación que trata de construír un territorio natural, reproducindo tecnicamente as súas propiedades características, no centro da cidade, contribuíndo así ao confort urbano e a mellora do impacto ambiental).

O estudio, creado en 1986, é unha sociedade profesional con dous arquitectos socios (Felipe Pich-Aguilera Baurier e Teresa Batlle Pagès). Son os responsables de todos os proxectos, do seu desenvolvemento, calidade e dirección de obra. O despacho contou con especialistas en varios ámbitos que fixeron colaboracións estables e enfoques interdisciplinarios no desenvolvemento dos proxectos. Actualmente, o despacho ten colaboradores internos de titulación superior, directores, coordinadores de proxectos, obras e áreas temáticas; e colaboradores externos, empresas e asesores, especialistas en management, criterios ambientais e de sostibilidade, investigación tecnolóxica e cálculo.

Para mañá sábado está programada unha nova sesión con estes dous arquitectos que comezará ás 10:00 horas e prolongarase ata as 14:00 horas.