>> Nota de Prensa  19.11.10 (pdf)
>> Nota de Prensa  20.11.10 (pdf)













A empresa OCV presenta un captador solar de alta eficiencia fabricado en Galicia de gran rendemento, calidade e respecto polo medio ambiente

Esta tarde, o COAG-Santiago acollerá tamén un relatorio sobre caldeiras de condensación que permiten aforrar na factura do gas e contaminar menos

O sábado intervirá nestas xornadas o arquitecto José Fariña para falar do Libro Branco da Sostibilidade no Planeamento Urbanístico Español, a partir das 10:00 horas

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2010 (Vía Láctea Comunicación).- A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) celebra desde hoxe a terceira sesión das Xornadas de Arquitectura Bioclimática, que este ano alcanzan a súa décimo terceira edición. Esta tarde dous membros da empresa pontevedresa OCV, Soluciones Solares, Rafael Domínguez e Rafael Calvo, ofrecerán un relatorio centrado na exposición de varios dos seus sistemas térmicos e aplicacións en diferentes obras. A conferencia celebrouse ás 19:00 horas no salón de actos do COAG (Casa da Conga, 3. Praza da Quintana).

Presentarán un captador solar de alta eficiencia (o máis eficiente fabricado en España e un dos máis eficientes de Europa) fabricado integramente en Galicia. OCV é un dos poucos fabricantes de captadores de España, ao dispoñer da liña de soldadura coa tecnoloxía máis avanzada que lle permite fabricar o compoñente máis tecnolóxico do captador solar, o absorbedor. Este fabrícase tras dous procesos de soldadura moi complexos: brazing e soldeo por ultrasonidos. Este proceso estase realizando na planta de Cambados.

Todos os compoñentes do captador son específicos para uso solar, e moitos deles foron utilizados por primeira vez por OCV, por exemplo a la de vidrio ou antifogging. Ademais, estes compoñentes son completamente reciclables.

Na exposición desta tarde, Rafael Calvo fará unha presentación do captador estrela da empresa, o R4-2000-U, facendo mención as súas bondades, características principais e aplicacións. Rafael Domínguez exporá aos asistentes diversas instalacións realizadas co captador, entrando nos aspectos tecnolóxicos das instalacións e os principais criterios de deseño das mesmas, sobre todo desde o punto de vista da arquitectura e enxeñería.

Sistemas de condensación

A continuación, ás 20:30 horas, intervirá o enxeñeiro alemán do Grupo Cliber Christoph Kleeberger, para falar sobre confort e calefacción nas vivendas, enunciando o principio de funcionamento da súa condensación. Segundo Kleeberger nos fumes procedentes dunha combustión existe unha proporciíon de vapor de auga que contén enerxía. “Esta enerxía, que nunha caldeira convencional se expulsa pola cheminea a case 200ºC, é recuperada a través dun intercambiador, convertindo o vapor en auga e transformándoo nunha enerxía adicional; e unha vez que se aproveita o calor latente dos fumes, estes saen pola cheminea a uns 55ºC” –indicou Kleeberger. Así, o rendemento sobre o poder calorífico interior deste tipo de caldeira supera o 109%, o que se traduce nun importante aforro na factura de gas e uns niveis de emisións contaminantes extremadamente baixos.

As caldeiras de condensación, que o Grupo Cliber comercializa como de Remeha, son un produto indicado para calquera tipo de instalación de calefacción e auga quente sanitaria, independentemente da temperatura de traballo, tipo de emisores, etc. Non obstante, existen aplicacións nas que se potencian aínda máis os beneficios deste tipo de caldeira, onde por motivos de confort os emisores traballan a menor temperatura ou, sinxelamente, onde se necesitan sistemas pouco contaminantes con obxetivos ecolóxicos. O emprego dunha caldeira de condensación en instalacións de solo radiante é unha aplicación idónea, posto que ao traballar a baixa temperatura o rendemento será maior e a caldeira non sufrirá problemas de condensacións non controladas.

As xornadas de arquitectura bioclimática continuarán mañá a partir das 10.00 e ata as 14.00 horas coa intervención do arquitecto José Fariña, que realizará unha análise do Libro Branco da Sostibilidade no Planeamento Urbanístico Español.



As xornadas bioclimáticas analizan o Libro Branco da Sostibilidade no Planeamento Urbanístico Español co seu autor, José Fariña

A obra repasa os instrumentos de planeamento para facer fronte ao novo reto do século XXI, a sostibilidade

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2010 (Vía Láctea Comunicación).- A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) celebrou hoxe un novo relatorio dentro das súas xornadas de arquitectura bioclimática. O arquitecto José Fariña explicou aos asistentes os puntos básicos do Libro Branco da Sostibilidade no Planeamento Urbanístico Español, do que é autor xunto con José Manuel Naredo.

Falou sobre o decálogo e o proceso metodolóxico do Libro Branco. As competencias en planeamento e ordenación do territorio son exclusivas das Comunidades Autónomas de forma que, cando o Ministerio de Vivienda (agora convertido en Secretaría de Estado de Fomento) lles encargou a estes dous arquitectos a redacción do Libro Branco, eran conscientes das dificultades de converter algunhas das súas propostas en normativa. Tendo en conta que o goberno central non podía facelo, tratouse de abrir un debate que propiciara o cambio necesario, dadas as distintas prioridades do século actual respecto ás do século XX. “Los problemas y la sociedad han cambiado, pero los instrumentos de planeamiento continúan siendo los que se inventaron para dar respuesta a la ciudad surgida de la Revolución Industrial” –indicou Fariña.

No Libro Branco repásase a situación na que se atopan estes instrumentos de planeamento en relación ao novo reto do século que comeza: a sostibilidade, é dicir, como conciliar o feito de que a pegada ecolóxica da humanidade sexa superior á superficie do planeta, situación que se percibe desde os anos 80.

O traballo complétase cunha serie de recomendacións ás que se deu forma de decálogo. Os dez temas son: Lexislación urbanística e ambiental; contido do dereito de propiedade e planeamento urbanístico; o ámbito administrativo do plan; relación entre planificación territorial e planeamento urbanístico; necesidade de cambiar as características do plan de urbanismo; seguimento do plan e observatorios territoriais; participación cidadá; criterios de sostibilidade; uso eficiente dun patrimonio inmobiliario sobredimensionado que xera vivendas sen uso e persoas sen vivenda; a crise dun modelo inmobiliario insostible e a necesidade de cambialo.

José Fariña e doutor Arquitecto e licenciado en Dereito, ademais de catedrático de Urbanismo e Ordenación do Territorio na Escuela Técnica Superior de Arquitectura de Madrid. É experto en deseño urbano sostible da Unión Europea e do Gobierno de España.