Día Mundial    Cadernos de Viaxe     Cinecidade

A Asociación Sostenibilidad y Arquitectura inaugurou a árbore urbana co obxecto de promover a conciencia medioambiental entre os cidadáns

Jorge Duarte, presidente da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia: “Aquela arquitectura que non sexa sustentable non pode ser boa arquitectura”

María Jesús González, presidenta da Asociación: “A cidade sustentable chegará cando non deixe pegada ecolóxica”

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2010 (Vía Láctea Comunicación).- A Asociación Sostenibilidad y Arquitectura (ASA), colectivo nacional independente liderado por arquitectos e urbanistas para traballar en temas relacionados coa sustentabilidade, inaugurou esta mañá o prototipo de árbore urbana que permanecerá na praza de Aurelio Aguirre, no barrio de Conxo, durante dúas semanas. O acto estivo presidido pola presidenta da Asociación, María Jesús González; o seu tesoureiro, Andrés Perea; a súa secretaria, a arquitecta afincada en Santiago Teresa Banet; o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Antón Sánchez Bugallo; e a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón; ademais do presidente da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia, Jorge Duarte, e os arquitectos gañadores do proxecto Uriel Forgué; e Carlos Palacio.

Trátase dunha árbore artificial que emprega a lóxica da bioloxía vexetal e que introduce, ademais das funcións que xa teñen as árbores (xeración de O2) novos programas de uso e sensibilización medioambiental. Co impulso dos pedais xérase enerxía para conseguir regar as plantas que medran na súa copa. O obxectivo é que a cidadanía comprobe de primeira man e dun xeito lúdico como é posible obter enerxía a través do esforzo físico, respectando o medio ambiente. Este tipo de asacción, termo ideado polos socios para definir esta clase de accións, debe entenderse, segundo a presidenta de ASA, como pequenas actuacións coas que se pretende ter un reflexo inmediato no medio, creando conciencia dentro da sociedade. Deste xeito, sen pequenas accións individuais e colectivas coma esta, non sería posible camiñar cara o concepto de sustentabilidade.

A asociación ASA busca fortalecer a relación entre a sustentabilidade e a arquitectura. Conta con máis de dous centenares de socios no territorio español (preto de dúas decenas correspondentes a Galicia). O presidente do Colexio de Arquitectos de Santiago, Jorge Duarte, membro da asociación desde fai un ano, anima a todos os arquitectos a facerse socio e a seguir a liña de traballo que busca ASA, pois é “a única liña que pode seguir a boa arquitectura. Aquela arquitectura que non sexa sustentable, non pode ser boa arquitectura.”

A sustentabilidade das arquitecturas

A presidenta de ASA, María Jesús González, fixo fincapé na necesidade de crear conciencia medioambiental en todos os aspectos vitais. Este sería o punto principal no que debe basearse toda sustentabilidade. As accións emprendidas van encamiñadas nesta liña, medra a conciencia entre os cidadáns pero aínda non é suficiente nin tampouco está suficientemente formada. A arquitectura xoga pois un papel fundamental e de primeira orde para a consecución de tales obxectivos. Faise necesario unha remodelación na ética arquitectónica, a cal debe dirixir os seus esforzos á necesidade de responder ás necesidades vitais dos cidadáns deixando a mínima “pegada ecolóxica”, é dicir, buscar a redución dos impactos ambientais pero sempre garantindo un alto nivel de calidade de vida. Ademais, a arquitectura debe atopar na sustentabilidade unha nova oportunidade de deseño.

As claves para entender o complexo concepto de sustentabilidade pasan, segundo palabras da presidenta de ASA, por aplicar en todo tipo de construcións o estudo, rigor e profundización en cada un dos elementos. Faise necesario desenvolver outros conceptos como urbanismo, enerxía ou accesibilidade. Non pode falarse de arquitectura sostible sen antes falar de urbanismo sostible. Hoxe en día xa falamos de edificios autosuficientes e as accións van encamiñadas a que nun futuro poidamos falar de rúas e prazas que sigan o mesmo principio de autosuficiencia.

María Jesús González afirmou tamén que o momento económico que vivimos puxo de manifesto que construír pensando exclusivamente no mercado e beneficios empresariais non leva a ningunha parte. Neste sentido, amósase optimista e pensa que a crise conta cun factor creativo que fai necesario novas formulacións que deben contemplar todas as medidas de aforro posible nas fases que integran o proceso de construción e mantemento dunha edificación.

A distinción entre campo e cidade queda obsoleta

Desde a asociación ASA apuntan á necesidade de romper co vello estereotipo da clasificación entre campo e cidade, “posto que todo o terreo está ao servizo do home, non existen espazos a explotar”. Os límites entre campo e cidade están cada vez menos claros. O campo tamén se explota e está ao servizo dun determinado nivel de vida. Por iso se requiren conceptos distintos facendo máis fincapé na relación home-natureza e entendendo o territorio como unha enorme estrutura urbana.

Así, pensar en sustentabilidade debe ir máis alá de cambios tecnolóxicos e de materiais, débese implicar á xente para que poida explorar a dimensión de medidas sustentables, como é a árbore urbana que hoxe se presentou. Faise necesario unha normativa prestacional, fundamentada na negociación, non baseada na norma, na que os arquitectos actúen como interlocutores e poñan en valor o seu papel.

>> Nota de prensa (pdf )