Día Mundial    Cadernos de Viaxe     Cinecidade

A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos inaugura na Casa da Conga a exposición do proxecto divulgativo da nova arquitectura galega, Metagénesix

Este catálogo de obras sae do ámbito académico e achégase á sociedade como consumidora e usuaria de arquitectura

Carlos Mosquera e Alberte Pérez, comisarios:

“Nestes tempos aparece unha nova xeración de arquitectos alterada e alternante, formada maioritariamente en Galicia, que xera un gran optimismo pola calidade e cantidade dos seus traballos”

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2012 (Vía Láctea Comunicación).- A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia acolle esta tarde a apertura da mostra Metagénesix. Nova Arquitectura de Galicia, ás 20:30 horas na sala de exposicións da sede colexial (Casa da Conga. Praza da Quintana, 3). A inauguración será presentada polos membros da Comisión de Cultura da Delegación compostelá, a súa presidenta Idoia Camiruaga e Iván Andrés; e os arquitectos e comisarios da exposición, Carlos Mosquera e Alberte Pérez.

A exposición, patrocinada polo Colexio de Arquitectos de Galicia e organizada polos arquitectos do estudio coruñés Trespes (Carlos Mosquera e Alberte Pérez) e Felipe Trillo e Ana Amado, recolle vinte traballos de dez arquitectos ou equipos de profesionais seleccionados a partir dunha convocatoria aberta á que se presentaron máis de 200 obras. Debido a cantidade e calidade das propostas decidiuse ampliar o proxecto Metagénesix apoiándose no programa cultural da Librería Formatos, ‘Intemción’, para dar voz a outros vinte arquitectos que agrupados impartiron charlas temáticas, “Oportunidades, Vivenda +, Espazo Dotacional, Rehabitación, Espazos de Atención”, e expuxeron as súas obras na libraría durante a edición de 2011. Todos estas obras están recompilados nun catalálogo. A exposición permanecerá aberta no Colexio de Arquitectos ata o 19 de setembro, de luns a venres en horario de 11:00 a 14:00 horas.

Baixo o título de Metagénesix preséntase unha mostra da nova arquitectura que se realiza en Galicia. Segundo os seus comisarios, nestes tempos de temores e inestabilidades, aparece unha nova xeración de arquitectos “alterada” e “alternante”, formada maioritariamente en Galicia, que xera un gran optimismo pola calidade e cantidade dos seus traballos. Trátase dun proxecto de difusión para poñer en valor o traballo realizado polos novos arquitectos. Metagénesix, que ten como antecedente as Olladas de Perto, organizadas na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña durante os últimos cinco anos, materializa a tentativa de saír do ámbito académico e achegarse á sociedade como consumidora e usuaria de arquitectura.

“No contexto actual de crise financeira e social ponse en cuestión a arquitectura mediática dos últimos anos onde primaba o espectáculo e o superfluo, que provocou a ampliación da fenda existente entre arquitecto e sociedade. É preciso que saia á superficie outro xeito de entender e proxectar unha arquitectura de proximidade que asuma as limitacións propias do momento, do lugar, do encargo, as inquedanzas do promotor para transformalas en oportunidades que xorden do local sen esquecer a realidade global na que se insiren e da que se nutren intelectualmente” –explican os comisarios–.

As actividades relacionadas coa mostra continuarán no mes de setembro. O martes, 18 de setembro, celebraranse unha serie de conferencias na sede do Colexio de Arquitectos de Galicia en Santiago da man dos estudios AsendeQuintáns, Arrokabe Arquitectos e Estudio Nómada. Despois da súa exposición individual terán lugar unha mesa redonda e un debate.

Metagénesix. Obras da exposición

1. Alfredo Sirvent. Vigo
Rehabilitación de vivenda illada en Arbo
Rehabilitación de edificio en Casco Histórico de Vigo

2. Cristina Asende e Carlos Quintáns. Asende Quintáns Estudio. Santiago de Compostela
Parque de San Fructuoso en Santiago de Compostela
Exposición de Arquitectura Gran de Area

3. Óscar e Iván Andrés. Estudio Arrokabe. Santiago de Compostela
Rehabilitación de edificación para Escola de Deportes Naúticos de Abelleira (Muros)
Vivenda unifamiliar A Sionlla (Santiago)

4. María González e Jordi Castro. Estudio Castroferro. Vigo
Biblioteca pública municipal Manuel Altolaguirre (Málaga)
Edificio de vivendas protexidas en Navia (Asturias)

5. Beatriz Hermida e Tomás Valente. Estudio Erba. Ourense
Rehabilitación de casa para estudio vivenda
Rehabilitación de casa para turismo rural (Ourense)

6. José Antonio Vázquez, Elena Montero e Enrique de Santiago. Estudio Nómada. Santiago
Adegas. Dominio do Bibei (Ourense)
Cantina da Cidade da Cultura de Galicia

7. Marta Somoza. Allariz
Ampliación da Escola Infantil e acondicionamento de xardín (Allariz)
Pavimentos e mellorar dos espazos libres (Santa Mariña de Augas Santas. Allariz)

8. Óscar Pedrós. A Coruña
Biblioteca pública municipal de Os Rosales (A Coruña)
Ampliación do Centro municipal do Castrillón (A Coruña)

9. Iván Rivas. Estudio Oxixeno. Ferrol
Reforma da escola unitaria e transformación en centro cívico (San Sadurniño)
Grandas de Salime (Asturias)

10. Óscar López e Marta Prieto. UMU Estudio. Lugo e A Coruña
Rehabilitación do Hotel Comercio para vivendas para a xuventude (Monforte de Lemos)
Albergue de peregrinos no Camiño de Santiago (Palas de Rei. Lugo)

Esta mostra está patrocinada polo Colexio de Arquitectos de Galicia, a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, Lledó iluminação e o Concello de Ourense, e conta coa colaboración e o apoio de Difusora de Letras, Artes e Ideas, e Libraría Formatos, entre outros. Máis información en www.metagenesix.blogspot.com



 

>> Nota de prensa (pdf )

Alfredo Sirvent. Foto Manuel G. Vicente Ansede Quintáns. Foto Ansede Quintáns Arquitectos Arrokabe Arquitectos. Foto Amador Lorenzo Castroferro Arquitectos. Foto Héctor Santos-Díez Estudio ERBA. Foto Santiago Barreiros Estudio Nómada. Foto Héctor Santos-Díez Marta Somoza. Foto Mark Ritchie Óscar Pedrós. Foto Foto Blanco Oxíxeno Arquitectura. Foto Oxíxeno Arquitectura UMU Estudio. Foto José Reigosa