Día Mundial    Cadernos de Viaxe     Cinecidade

As arquitectas Karme García e Carmen Rey, do estudio de arquitectura santiagués “K2C Arquitectas”, realizarán o proxecto básico de rehabilitación do santuario de A Barca de Muxía. O templo sufriu un grave incendio a causa dun raio o día de Nadal, ademais das inclemencias do forte temporal e a ondada do día de Reis cando partiu a Pedra de Abalar.

A Consellería de Cultura da Xunta de Galicia adxudicou o mércores a redacción do proxecto a este equipo de arquitectas. Terán un prazo máximo dun mes, cun presuposto de 21.462 euros. O venres día 10 comezaron os traballos topográficos na zona.

O gabinete de arquitectura K2C Arquitectas (rúa Altamira, 14, 1º B. Santiago) caracterízase por realizar traballos a gusto dos clientes e tamén enriquecedores para as propias arquitectas e aos seus colaboradores durante o proceso de creación e o resultado final. Crean espazos que garanten o confort térmico e sensorial, a funcionalidade e o aforro de enerxía mediante o cumprimento dos requisitos técnicos que impón a normativa.

En concreto, Karme García e Carmen Rey apostan pola rehabilitación nun intento de conservar o legado de xeracións anteriores, mantendo e reutilizando as estruturas e materiais existentes que, complementados con novos materiais e solucións técnicas, garantan estándares de confort acordes aos tempos actuais e unha mellora da eficiencia enerxética dos edificios. Entre outras obras, realizaron a rehabilitación das cubertas do Pazo de Xelmírez e de San Pedro de Busto en Santiago, a rehabilitación do Pazo de Amarante para salón de banquetes en San Estevo do Castro de Amarante (Lugo), a rehabilitación do Pazo de Eidián (Agolada), e tamén participaron nas obras de restauración da igrexa de Ferreira de Pantón na provincia de Lugo e a Catedral de Tui.

Ademais do seu labor arquitectónico, organizan itinerarios e visitas guiadas pola arquitectura contemporánea de Santiago de Compostela e outras cidades galegas. Tamén son as artífices do ciclo de cine CineCidade, nun intento de incitar de forma lúdica á reflexión e ao debate sobre os espazos urbanos a través do cine, e do concurso de curtametraxes Tripomant na cidade. Máis información en: http://www.k2c-arquitectas.com.

>> Reportaxe de TVG sobre o proxecto de restauración do Santuario da Barca, coas arquitectas Karme García e Carmen Rey