O Colexio de Arquitectos acolle a presentación da mostra Galicia en Foco e do número 25 da revista Ferrol Análisis

A exposición recolle 64 imaxes e 17 reportaxes de 40 fotoxornalistas dos medios impresos galegos

O fotógrafo lucense Xosé Marra foi o gañador desta edición cunha fotografía de Feijóo nas festas do San Froilán 2009

Permanecerá aberta ao público no COAG ata o 11 de xaneiro, en horario de 11:30-13:30 e 18:00-20:00 horas

A sala de exposicións do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acolle ata o 11 de xaneiro a vixésima primeira edición da mostra ‘Galicia en Foco’, actividade programada pola Delegación de Santiago. A mostra retracta en impactantes imaxes a realidade máis destacada de Galicia nestes últimos meses.

A iniciativa, promovida polo Club de Prensa de Ferrol, trata de recoller os acontecementos máis importantes a través da visión dos que foron protagonistas de excepción destes feitos. As fotografías seleccionadas para a mostra publicáronse a finais de 2009 e durante 2010 en diferentes medios de comunicación galegos. Un total de 64 fotografías e 17 reportaxes (compostas por unha serie de tres fotografías cada unha) de 40 fotoxornalistas recollen diferentes momentos políticos, sociais e culturais do ano.

Segundo o Club de Prensa de Ferrol, ‘Galicia en foco’ aglutina todas aquelas imaxes que fan máis humano ao político, aquelas que captan a profundidade dunha mirada, a beleza dun amencer, a ironía dun xesto, a comicidade dun despropósito. Estas fotos retratan desde políticos que gobernan ata a xente anónima da rúa, festas e desgrazas, “a vida mesma, captada pola retina mecánica e precisa dos fotoxornalistas galegos” –destacan desde o Club de Prensa de Ferrol.

A fotografía premiada este ano é obra de Xosé Marra (Lugo, 1956). É unha imaxe que forma parte dun traballo que se publicou no diario El País o 10 de outubro de 2009, titulada O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo visitou Lugo nas festas de San Froilán 2009. Marra recollerá esta tarde o galardón, unha escultura orixinal de Sargadelos deseñada en exclusiva para o certame por Isaac Díaz Pardo.

Entre os fotoxornalistas que participan na exposición figuran habituais da prensa diaria como Xoan A. Soler, Pablo Araújo, Álvaro Ballesteros, Carlos Carballeira, Vanessa Casteleiro, Óscar Corral, Sonia Daponte, Kiko Delgado, Eva Domínguez, Xesús Fariñas, Carlos Folgos, Moncho Fuentes, Carlos García Hervella, Zelia García, Nacho Gómez, Miguel Gómez Muñiz, entre outros.

Galicia en Foco naceu en Ferrol en 1989, unha traxectoria marcada polo traballo dos profesionais do fotoxornalismo galego. É o primeiro movemento fotográfico que se realiza desde Ferrol para reivindicar o traballo dos fotógrafos de prensa de Galicia, avalada en toda a súa dimensión pola numerosa participación de reporteros que cada ano se presentan á convocatoria. A mostra permanecerá aberta ata o 11 xaneiro na sala de exposicións do COAG, de luns a venres en horario de 11:30 a 13:30 e de 18:00 a 20:00 horas.

Revista ‘Ferrol Análisis’

Ademais, o COAG-Santiago presentou o número 25 da prestixiosa revista de pensamiento e cultura ‘Ferrol Análisis’, publicación promovida polo Club de Prensa de Ferrol, que inclúe nesta tirada os Cadernos Ferrol Análisis nº 24, titulados “Pablo Iglesias en su tiempo. Cien años de socialismo parlamentario (1910-2010)”.

Fai vinte anos que comezou a súa andaina e hoxe en día é a revista máis lonxeva de Ferrol e está considerada como unha das mellores de España. No acto de presentación estarán presentes a catedrática de Historia e membro do Consello de Redacción de Ferrol Análisis, Esperanza Piñeiro; e o responsable de Comunicación do Club de Prensa, Xoán Rubia.

Esta publicación anual naceu en 1990 ao fío da tradición existente en Ferrol, grazas a un amplo grupo de persoas vinculadas cos medios de comunicación, que querían exercitar metodicamente a reflexión coa maior transparencia posible, libre de prexuízos, xurdida do libre pensamento sen fronteiras, vertebrando en temática do local ao universal.

A temática estrutúrase en sete apartados: 1. Galicia, inclúe todos os temas dedicados a cultura, historia, ciencia e industria, onde quedan incluídos os trabajos e os estudos sobre Ferrol e comarca; 2. Internacional, é o espazo e a encrucillada do mundo global onde diversos intelectuais de EE.UU., Reino Unido, Italia, Cuba ou do propio Estado español expresan as súas ideas sobre os problemas que preocupan á cidadanía en calquera país do mundo; 3. Curso Gurméndez, este apartado recolle os relatorios dos profesores que participan no correspondente curso; 4. Estudo Monográfico, estas páxinas recollen a historia de personaxes locais con proxección universalista ou temas que trascenden o específicamente local; 5. Cartulario, o Consello de Redacción propón un tema para a reflexión e o debate entre dous autores que teñan unha visión diferente do tema proposto; 6. Documentación, trátase dun espazo que recupera documentos históricos descoñecidos ou pouco divulgados; 7. Creación, está dedicado aos poetas non consagrados; 8. Portafolio, ofrece unha reportaxe fotográfica do cámara gañador da Foto do Ano da edición anual de Galicia en Foco.

>> Fotoxornalistas que participan na XXI edición de Galicia en Foco