Actividades
Día Mundial
Cadernos de Viaxe
Cinecidade

(29.08.09) O local Angel, antiga xoiería na praza das Praterías ubicada nos baixos da Casa da Conga, acolle este luns ás oito e media do serán un concerto protagonizado por un dúo de saxos. A sesión musical constitúe o colofón á colaboración que a Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos iniciou co Festival dos Abrazos, “colaboración que continuará e progresará en anos próximos".

O novo espazo de cultura Angel, inaugurado hai un mes coa exposición de fotos de arquitectura de Fuco Reyes, pretende “reflectir na rúa o espírito activo, de contacto e reciprocidade coa sociedade", en palabras da organización colexial. Este local coincidiu na súa apertura co inicio do Festival dos Abrazos, e agora que chega ao seu final, o concerto quere “mostrar o peche dun período, pero que terá continuidade, sempre como xerador de actividade cultural en diferentes campos", segundo indica a entidade.

Angel está aberto ao público en horario expositivo e comercial de 12 a 14 horas e de 18 a 21 horas para ofrecer á cidadanía servizos dende o Colexio, especialmente a aquelas persoas que queiran ver algo tan tradicional en Compostela como é o local que os acolle, unha antiga pratería, ou para aquelas que buscan información sobre a parte máis descoñecida das arquitecturas de Santiago: a arquitectura contemporánea. “Unha semente que medrará en próximas semanas, e que se irá completando con outras ofertas extra comerciais, comprometéndonos dende o Colexio a amplialas".

O coordinador da Comisión de Cultura do COAG-Santiago, Iván Andrés, xa indicara na súa inauguración como territorio cidadán que o local sería “unha sala de diálogo social e difusión cultural (en relación ao ámbito da arquitectura) onde se poderán acumular diferentes exposicións, discursos e reflexións que alimenten o espazo e lle outorguen identidade".

N.B.- Xúntanse imaxes do día da inauguración do local o pasado 30.07.09

 





 

O novo espazo sociocultural do Colexio de Arquitectos de Santiago, Angel, acolle o luns un concerto protagonizado por un dúo de saxos

Forma parte da colaboración que a entidade colexial mantén co Festival de Abrazos, que chega ao seu final

Será ás 20:30 horas