Día Mundial    Cadernos de Viaxe     Cinecidade

O Colexio de Arquitectos de Santiago abre un espazo de cultura no local Ángel -Praterías- coa exposición fotográfica de Fuco Reyes

Son un total de 18 imaxes de arquitectura contemporánea que se complementan co espazo, adheríndose ás vitrinas e paredes da antiga xoiería

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2009 (Vía Láctea Comunicación).- A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) inaugura hoxe ás 21:00 horas un novo espazo de cultura, o local Ángel (antiga xoiería da Prazas das Praterías) cunha exposición fotográfica de 18 imaxes de arquitectura contemporánea da cidade, realizadas polo fotógrafo Fuco Reyes. Ao acto asistirán o presidente do COAG-Santiago, Jorge Duarte; o coordinador da Comisión de Cultura, Iván Andrés; e o fotógrafo, Fuco Reyes. O soporte das fotografías é o propio local, con imaxes expostas nas vitrinas e paredes en diversos tamaños.

O Colexio pretende recuperar a participación cidadá nos procesos de protección e desenvolvemento do territorio e a cidade con este tipo de accións de difusión cultural e arquitectónica.

"Esta acción é unha declaración de intencións do Colexio", -indica o coordinador da Comisión de Cultura do COAG-Santiago, Iván Andrés, "que pretende converter o local nunha sala de diálogo social e difusión cultural (en relación ao ámbito da arquitectura) onde se poderán acumular diferentes exposicións, discursos e reflexións que alimenten o espazo e lle outorguen identidade" -continúa.

Esta exposición é a primeira que acolle o local Ángel, unha segunda oportunidade para que os cidadáns gocen das fotografías de arte contemporánea de Fuco Reyes, tras a exposición ao aire libre, 300 fotos, que se expuxo o pasado mes de xuño nas rúas Nova e do Vilar.

O Colexio pretende que o local se consolide nun futuro como un espazo social onde o propio edificio se complemente coa obra e onde todos os cidadáns poidan compartir un momento de lecer e de conversa sobre diversos temas culturais ou mesmo arquitectónicos.

O autor e a súa obra

Fuco Reyes traballa desde 2006 como fotógrafo e docente impartindo cursos de fotografía dixital. Continúa desenvolvendo o seu traballo artístico á vez que realiza exposicións individuais en salas como a Fundación Araguaney, Hotel Balneario Compostela, Galería Sargadelos de Madrid, Casino de Santiago e no Museo do Pobo de Galego. Tamén participa en exposicións colectivas como unha realizada no concello de Brión no 2008.


colectivo flu.or