O Colexio de Arquitectos de Santiago e o Roteiro de Creación presentan unha exposición colectiva de caras, maquetas de cartón e instalacións.

As obras, elixidas polo público, son de María Meijide, Neves Seara, Jo Redpath e Olmo Blanco.

Santiago, 9 de xullo de 2009 (Vía Láctea Comunicación).- A Comisión de Cultura da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos (COAG-Santiago) e o Roterio de Creación inauguran, esta tarde ás 20:00h na sede do COAG (praza da Quintana), a exposición colectiva dos catro finalistas da chamada Operación Frechazo 2009: María Meijide, Neves Seara, Jo Redpath e Olmo Blanco.

María Meijide exporá unha peza mural de 24 caras, estudo do retrato, que alcanza en conxunto un tamaño de casi 5 x 2 metros. Son as caras de amigos, familiares e achegados as que se atopan nesas teas en formato cadrado e a tamaño natural. Constitúen un guiño ao xogo infantil do quen é quen, incluíndo tamén estes personaxes nome e teléfono.

Neves Seara expón a peza "Falabarato", con forma de lingua, realizada cunha mestura exacta de cera virxe e parafina branca; e forma parte da súa serie de intervencións sobre as tipoloxías do individuo. Colgada do teito, a peza ten luz cenital e proxecta a súa sombra sobre a parede, como o cadavre dun aforcado.

A obra de Jo Redpath, unha escultura de madeira da que sae un enxamio de abellas, recolle a súa preocupación polo medio ambiente xunto co seu interese pola apicultura, así como o simbolísmo da abella no antigo mundo grego, onde se comparaba coa ánima humana. As ánimas xa libres dos homes usaban os corpos das abellas para moverse polos ceos e o mel era a tentación ao espíritu dun morto de volver a saborear a dozura da vida.

Olmo Blanco mostra unha obra feita con cartóns coloreados a modo de maqueta, como unha forma de aproximarse á paisaxe galega.

A exposición é froito dunha iniciativa na que o público se encarga de votar e elixir o artista que máis lle gusta; nesta ocasión, entre obras de corenta autores distintos. A coordinadora do Roteiro de Creación, Reina D'Hoore, indica que é "unha iniciativa pioneira en Santiago, que xa se fai noutras cidades de Europa".

SAÚDOS

Prensa COAG-Santiago_981 55 44 07

www.arquitectosdesantiago.org

Exposicións
Día Mundial
Cadernos de Viaxe
Cinecidade