Os problemas climáticos e da industria, as festas e as eleccións municipais, temas recorrentes da mostra de fotoxornalismo Galicia en Foco. 38 profesionais retratan a realidade galega deste ano en 72 imaxes publicadas nos medios

 



A sala de exposicións do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acolle ata o próximo día 13 de xaneiro a decimoitava edición da mostra ‘Galicia en Foco’, actividade programada pola Delegación de Santiago, que será inaugurada ás oito e media desta tarde na Casa da Conga. A iniciativa de crear esta exposición cada ano corresponde ao Club de Prensa de Ferrol. No acto de inauguración estarán presentes a presidenta do COAG-Santiago, Idoia Camiruaga; o coordinador da Comisión de Cultura do COAG-Santiago, Iván Andrés, e o presidente do Club de Prensa de Ferrol, Xan Morales.

Un total 38 fotorreporteiros galegos ofrecen unha selección das súas mellores fotografías para retratar a actualidade galega deste ano. Trátase de 72 imaxes que recollen os problemas ambientais e climáticos, da industria e das festas tradicionais con compoñentes lúdico-eróticos. Tampouco faltan os políticos con motivo das últimas eleccións municipais.

Segundo sinalan desde o Club de Prensa de Ferrol, o fotoxornalismo galego é “unha experiencia sumamente gratificante porque no seu discurso da imaxe está toda Galicia retratada, vista como un mosaico temático diverso que nos ofrece innumerables espazos para a reflexión e a meditación do que foi o ano xornalístico ou de noticias en Galicia”.

Deste xeito, a organización destaca que nesta mostra “está recollida a paisaxe da alma do fotógrafo, a disposición do espírito que o seu ollo visualiza previamente como paisaxe informativa e humana, antes de abrir o obturador da cámara que nun instante dá por terminada a obra”. Os fotógrafos rematan o seu traballo e o depositan na sociedade, “no público expectante da noticia gráfica ou da misteriosa luz que expresa unha potencia emotiva”.

A maioría das fotografías seleccionadas publicáronse en diferentes xornais e revistas neste ano que remata. Entre os fotorreporteiros que participan na exposición destacan habituais da prensa diaria como Juan Marcos Míguez, Xosé Marra, Guillermo Sotelo, Álvaro Ballesteros, Santiago Míguez e Óscar Corral (La Voz de Galicia); Kiko Delgado (El Correo Gallego e Galicia Hoxe); Rosa González (Diario Qué!), Manuel Ángel Alvariño, Luis Polo, Jorge Meis e Carlos Carballeira (Diario de Ferrol); Jesús Regal Rodríguez (La Opinión); Marcos Canosa, Javier Lalín, José Luiz Oubiña e Iñaki Abella (Faro de Vigo); Santy López e Jesús Rodríguez Montero (El Progreso); “Pelu Vidal” (Atlántico); David Freire, Gonzalo García Matalobos e Delmi Álvarez (Diario de Pontevedra); ou Nacho Gómez (EFE); entre outros.

A fotografía premiada este ano é obra de Kiko Delgado e publicada en Galicia Hoxe con motivo do conflicto de Reganosa. A imaxe foi tomada no Porto de Ferrol e publicada o pasado 10 de maio. O gañador recibe a peza de cerámica de Sargadelos “Fotógrafo”, deseñada por Isaac Díaz Pardo para a primeira convocatoria en 1989.

A exposición viaxará por diferentes puntos da xeografía galega e española, chegando ata a Casa de Galicia de Madrid e ao Centro Galego de Santander.


Exposicións
Día Mundial
Cadernos de Viaxe
Cinecidade