Actividades
Cinecidade
Día Mundial
Cadernos de Viaxe

As fotografías seleccionadas para a mostra publicáronse ao longo de 2008 nos diferentes medios de comunicación galegos e nacionais. Un total de 91 fotografías de preto de 43 fotorreporteiros recollen diferentes momentos políticos, sociais e culturais de 2008. A fotografía premiada este ano é obra de José Luiz Oubiña e  foi publicada o 28 de xullo de 2008 en Faro de Vigo con motivo da celebración da rapa das bestas en San Cibrán (Catoira).

Segundo destacan desde o Club de Prensa de Ferrol, a mostra deste ano ábrese a novas lecturas da imaxe como é a fotorreportaxe, mantendo o discurso tradicional e de raíz do fotoxornalismo, espazos tantas veces difusos ao longo dos anos de Galicia en Foco.

“Esta edición de Galicia en Foco é pois unha publicación dual, un álbum fotográfico que ten desde as súas dúas vertentes (historicista e actual), ambas son o fío condutor da memoria” –sinalan desde o Club de Prensa de Ferrol, é dicir, os grandes mestres do onte e os mozos fotoxornalistas galegos que hoxe comparten espazos comúns e a avidez da memoria de Galicia.

Galicia en Foco naceu en Ferrol en 1989, unha traxectoria marcada polo traballo dos profesionais do fotoxornalismo galego. É o primeiro movemento fotográfico que se realiza desde Ferrol que reivindica o traballo dos fotógrafos de prensa de Galicia, avalada en toda a súa dimensión pola numerosa participación de reporteros que cada ano se presentan á convocatoria.

A muestra fotográfica serve de recopilación e crónica anual do acontecer e sentir do pobo galego, recollido nas súas diversas facetas nos medios de comunicación. Desde a organización desexan despertar o interese do público pola obra dos profesionais gráficos, que se coñezan os seus nomes,  a súa profesionalización e a súa identificación coa Galicia contemporánea que eles mesmos documentan.

Entre os fotorreporteiros que participan na exposición figuran habituais da prensa diaria como Iñaki Abella Diéguez (Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña), Pedro Eliseo Agrelo Trigo (El País), Xoan A. Soler (La Voz de Galicia),  Álvaro Ballesteros (La Voz de Galicia-Santiago), Carlos Carballeira (Diario de Ferrol), Vanessa Casteleiro Martínez (La Opinión de A Coruña), Kiko Delgado (El Correo Gallego-Galicia Hoxe), Eva María Domínguez Hermida (La Región), Mónica Ferreirós (Diario de Arousa),  Carlos Folgoso Sueiro (Diario de Arousa e La Voz de Galicia), Moncho Fuentes García (20 Minutos), Miguel Gómez Muñiz (ABC), Javier Lalín Valcárcel (Faro de Vigo-Deza), Xosé Marra (El País), Juan Marcos Míguez Cortizo (La Voz de Galicia-Deza Tabeirós); entre outros.

A mostra permanecerá aberta desde o 17 de febreiro, ata o próximo 10 de marzo, de luns a venres, de 11:30 a 13:30 e de 19:00 a 21:00 horas.