Os incendios que asolaron Galicia no verán, tema recorrente da mostra de fotoxornalismo Galicia en Foco. 36 profesionais retratan a realidade galega do último ano en 66 imaxes publicadas nos medios



A sala de exposicións do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acolle ata o próximo día 2 de febreiro a decimosétima edición da mostra ‘Galicia en Foco’, actividade programada pola Delegación de Santiago, que será inaugurada ás oito desta tarde na Casa da Conga. A iniciativa de crear esta exposición cada ano corresponde ao Club de Prensa de Ferrol. No acto de inauguración estarán presentes o secretario do COAG-Santiago, Miguel Serrano; unha representante da Comisión de Cultura do COAG, Carmen García; e o secretario do Club de Prensa de Ferrol, Luis Mera.

Un total de 36 fotorreporteiros galegos ofrecen unha selección das súas mellores fotografías para retratar a actualidade galega do último ano. Trátase de 66 imaxes que recollen os incendios que asolaron Galicia no verán, as inundacións, as traxedias internacionais, a tradición galega e outros reflexos da realidade baixo o prisma da noticia e o interese da arte fotográfica.

O catálogo que acompaña á mostra está precedido por un traballo de investigación sobre o fotoxornalismo á luz da semiótica, do investigador do Centro de Estudos em Tecnologías Artes e Ciencias da Comunicaçao da Universidade do Porto.

Segundo destaca o secretario do Club de Prensa de Ferrol, Luis Mera, esta mostra continúa coa esencia coa que naceu: “é un brindis á democracia xornalísitca”. O Club de Prensa de Ferrol quere fortalecer e consolidar esta exposición non só en Galicia, senón tamén en todo o mundo.

A maioría das fotografías seleccionadas publicáronse en diferentes xornais e revistas no ano 2006. entre os fotorreporteiros que participan na exposición destacan habituais da prensa diaria como Paco Rodríguez, Álvaro Ballesteros, Sandra Alonso, Xoán A. Soler, Óscar Corral, Guillermo Sotelo, Santiago Míguez e Juan Marcos Míguez (La Voz de Galicia); KiKo Delgado e Xosé Marra (El Correo Gallego); Jesús Rey “Otto” (Galicia Hoxe); Jesús Regal, Rafael Costas, Javier Lalín, Iñaki Abella, Miguel Núñez e José Luis Oubiña (Faro de Vigo); Miguel Muñiz (ABC); José Paz López (La Región); Pelu Vidal (Atlántico); Alejandro Rodríguez (Diario de Pontevedra); Xulio Villarino (El País); Jesús Rodríguez e Santy López (El Progreso); Mónica Irago e Martina Oubiña (Diario de Arousa); Carlos Carballeira e Jorge Meis (El Ideal Gallego e Diario de Ferrol); Gabriel Tizón (EFE) e Nacho Gómez (AGN); entre outros.

A fotografía premiada este ano é obra de Álvaro Ballesteros que foi publicada en La Voz de Galicia con motivo dos incendios que asolaron Galicia neste verán. A imaxe foi tomada no concello de Oroso.


galicia en foco incendios galicia alvaro ballesteros
Exposicións
Día Mundial
Cadernos de Viaxe
Cinecidade