Actividades
Día Mundial
Cadernos de Viaxe
Cinecidade

Celebra-lo día mundial da arquitectura dende a casa dos arquitectos -o Colexio- significa que, como colectivo, estamos a facer o esforzo por converter en realidade o lema.
Significa, así mesmo, que na casa dos arquitectos, podemos atopar consello sobre como adecua-lo máis posible ao lema "Emisión cero", a construción das nosas vivendas e as nosas cidades, dende o punto de vista do uso de materiais, de técnicas ou de espazo, dende o punto de vista, polo tanto, da auténtica modernidade.

Pero, que é “emisión cero”, cando o mero feito de respirar significa que lanzamos ce-ou-dous á atmosfera?
Emisión cero, é dicir, non emitir nada, cando hai actividade, cando hai vida, é imposible.
O slogan elixido, sen embargo, é acertado, pois pretende facernos reflexionar sobre este mero feito: vivir provoca consumo.

O concepto de sostibilidade ou sustentabilidade e a súa relación con consumo-emisión está xa manido. Está en boca de todos, pero sen unha comprensión ou definición clara.
As veces, moi a miúdo, confundimos o sostible co agradable, con aquilo que nos parece bonito. Por exemplo, cremos máis "sostible" a edificación baixa e dispersa envolvida en pequenos xardíns privados, fronte a barrios densos de edificios altos, con parques extensos concentrados. En vez é o oposto. Parécenos sostible forrar todos os pavimentos con pedra, cando debaixo hai unha grosa capa de formigón, cando, en canto á impermeabilización do terreo, hai pouca diferenza con facelo de asfalto.

Mesturamos tecnoloxía punta e sustentabilidade, sen caer na conta do alto índice de emisión de gases que a fabricación dun elemento hiper-tecnolóxico pode provocar. Por exemplo, a propia fabricación de paneis de xeración eléctrica solar, consome unha tan gran cantidade de recursos que os fai case inviables, dende o punto de vista da sustentabilidade.

O que entendemos por materiais tradicionais, a madeira, por exemplo, tamén teñen trampa: o castiñeiro que utilizamos en Galicia en rehabilitacións, provén, case todo, de bosques castelán-leoneses saqueados, nos que non se repoñen árbores. Traer madeira tropical, de gran calidade, supón a dúbida en canto a súa orixe de selvas americanas, africanas ou de Borneo non ben cultivadas e, con absoluta certeza, o gasto en transporte.

Así pois, non hai receitas, só sentido común.

"Emisión cero" e cidade están moi relacionados, pois o modelo de cidade á que aspiramos, a arquitectura que conforma a cidade, nos seus edificios e espazos públicos, debe se-lo receptor destes conceptos que hai que definir de novo: densidade urbana, consumo de territorio, tráfico e mobilidade, illamentos, produción de enerxía renovable, lixos, outras especies animais con dereito a compartir o territorio connosco, etc.

Os arquitectos da Delegación en Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia abrimos as portas da nosa propia casa -aínda en obras- para dar cabida á celebración do día mundial da arquitectura que nos permite reflexionar e tomar conciencia do difícil cometido de procurar a "emisión cero" nas nosas cidades.

Convidamos, para elo, a todos os cidadáns da Área de Santiago a participar e celebrar o día mundial da arquitectura baixo o lema "Emisión cero", o día 1 de Outubro ás 20:00h na Praza da Quintana, ante a sé do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Xunta da Delegación en Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia