O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) inaugurou a exposición Unha viaxe por... 1929-2009, deriva I, do arquitecto Pablo Gallego na Fundación Torrente Ballester (Rua do Vilar 7-9, Santiago de Compostela).

Unha viaxe por...1929-2009, deriva I é un percorrido polos territorios de Galicia e as súas profundas transformacións desde 1929, ano no que Luís R. Alonso iniciou un proxecto documental sobre Galicia con motivo da Exposición Iberoamericana que se celebraba ese mesmo ano en Sevilla, ata a actualidade. Foi un proxecto que, pola repentina morte do seu director, deixa inacabado na súa montaxe pero que foi finalizado máis tarde de forma secuencial e como idea de viaxe. O documental é unha gran fonte de información e documentación sobre a xeografía e a paisaxe de Galicia, así como ser o primeiro intento de promoción turística da terra galega.

Pablo Gallego é arquitecto e profesor do departamento de Proxectos e Urbanismo na ETS de Arquitectura (Universidade da Coruña), e codirector da revista O Monografías do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Algunhas das súas obras atópanse en Londres e Nova York, cidades onde colaborou en distintos estudos de arquitectura. Entre os premios que recibiu no transcurso da súa traxectoria artística destaca o da edición do Europan 8 na Cidade de Coimbra, Portugal.

A mostra permanecerá aberta ata o próximo 28 de febreiro, en horario de luns a sábado de 12 a 14:00 horas e de 18 a 21:00 horas, e os domingos e festivos de 12 a 14:00 horas. Están programadas varias visitas de centros educativos da cidade que coas explicacións dun arquitecto do Colexio poderán coñecer a fondo os contidos da exposición e reflexionar sobre a importancia da paisaxe e do territorio galegos. Para este programa de visitas, contouse coa colaboración do departamento de Educación do Concello de Santiago, encargada de xestionar as visitas.

Fotografías de Pablo Gallego
Fundación Torrente Ballester (Rua do Vilar 7-9, Santiago de Compostela)
6 de febreiro - 28 de febreiro
de luns a sábado de 12 a 14:00 horas e de 18 a 21:00 horas
domingos e festivos de 12 a 14:00 horas
Actividades
Día Mundial
Cadernos de Viaxe
Cinecidade