O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acolle ata o próximo 16 de outubro unha exposición sobre dez anos de Rehabilitación de Locais Comerciais no centro histórico de Santiago, B96. Os comisarios desta mostra son os arquitectos do Consorcio, Pablo Tomé e Marcos Zacarías.

A exposición, titulada B96 en referencia ao código co que se iniciaron os expedientes de rehabilitación de locais en 1996, conta coa edición dun libro-catálogo no que os protagonistas e responsables do proxecto analizan o desenvolvemento e a influencia que este programa supuxo para a conservación da cidade histórica.

O libro recolle as fotografías da exposición nas que se pode admirar o traballo realizado a través do antes e despois das obras de rehabilitación en lugares como lencerías, bares, tabernas, restaurantes, tendas de deporte, sombrererías, perruquerías, reloxerías, farmacias e históricas queserías de venda, entre outros. A actuación na Praza de Abastos conta cun apartado especial dadas as características da rehabilitación dos seus locais.

Revitalización do tecido urbano

O comisario da exposición, Pablo Tomé, arquitecto do Consorcio de Santiago e responsable deste programa, é o artífice xunto cos arquitectos da Oficina Técnica da remodelación de máis de douscentos establecementos dedicados a tendas e locais profesionais, hostalaría ou galerías de arte, entre outros. Un labor que ten contribuído a manter o espírito de cada espazo e preservalo coas peculiaridades arquitectónicas e urbanísticas que o diferencian, á vez que fai de Santiago unha das cidades máis atractivas da humanidade.

A exposición amosa que a recuperación e posta ao día dos comercios do casco histórico que se acolleron ao programa foron obxecto fundamental e prioritario na revitalización do tecido urbano, xa que a potenciación e o desenvolvemento da actividade económica teñen a mesma importancia que a residencial.

A mostra permanecerá aberta na Casa da Conga desde o próximo luns, 15 de setembro, ata o próximo 16 de outubro, en horario de 11:30 a 13:30 e de 19:00 a 21:00 horas.

 

Ver fotos da inauguración flecha
b96
Exposicións
Día Mundial
Cadernos de Viaxe
Cinecidade