convenio colexio - xunta
tramitación telemática de licenzas

Autora: Conchi Paz

Vídeo da Axencia Galega de Noticias

Vídeo da Televisión de Galicia

Tratase dunha aposta innovadora no eido da administración electrónica a nivel estatal, que redundará no beneficio de todas as administracións e dos cidadáns.

Crearase unha pasarela telemática que permitirá aos concellos acceder a información dos proxectos de obra visados polo Colexio de Arquitectos.

O Goberno galego achega case 150.000 euros ao proxecto, que permitirá un aforro de custes e de papel e unha maior transparencia.

A Xunta asina co Colexio de Arquitectos un convenio para facilitar a tramitación telemática das licenzas urbanísticas en Galicia

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, asinaron o pasado día 24 de maio un convenio de colaboración co Colexio de Arquitectos de Galicia, que ten como obxectivo facilitar a tramitación e posterior outorgamento telemático das autorizacións de licenzas urbanísticas dende as Administracións galegas.

O convenio, que se enmarca dentro das accións definidas na Axenda Dixital de Galicia 2014.gal, ten por obxecto a realización de actuacións no ámbito das tecnoloxías da información en Galicia tendentes a posibilitar a solicitude, tramitación e posterior outorgamento telemático das licenzas e autorizacións de obra e urbanismo, así como normalizar e simplificar os procesos de validación e supervisión técnica necesarios para estas.

O Goberno galego financiará a totalidade das accións do convenio, que conta cun orzamento de 149.500 euros e que permitirá poñer en marcha un proxecto con beneficios para todas as administracións galegas e para a cidadanía, que será un exemplo de innovación no eido da administración electrónica a nivel estatal.

O conselleiro da Presidencia destacou que o convenio se enmarca na aposta da Xunta polas novas tecnoloxías en beneficio da cidadanía, incidindo nunha maior axilidade, eficiencia e aforro na Administración. Nesa liña, Alfonso Rueda tamén citou outras iniciativas como o Rexistro Electrónico da Xunta, que se porá en marcha este ano; as plataformas dixitais que permiten a licitación electrónica; ou a dixitalización do Diario Oficial de Galicia.

Pola súa banda, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica indicou que este servizo estará operativo en 2012 e dispoñible para todos os concellos adscritos ao convenio eAdministración da Xunta e a Fegamp para impulsar a Administración electrónica nas entidades locais. A día de hoxe están adheridos a este acordo o 82% dos concellos galegos unha cifra que se irá incrementando xa que o período de adhesión se estende ata finais deste ano.

Mar Pereira subliñou que este convenio supón outro avance no proceso de modernización da Administración, impulsando a interoperabilidade entre organismos así como facilitando e simplificando os trámites para os cidadáns.

Eliminación do papel

O traballo con documentos dixitais en vez de documentos en papel e o uso das Tecnoloxías da Información e da Comunicación para a cooperación e comunicación dos implicados no proceso son as características principais da solución proposta, o que permitirá un aforro de custos e tempos, ademais de mellorar o servizo á cidadanía.

O convenio de colaboración prevé, en definitiva, a implantación de novos procedementos que normalicen e simplifiquen os proceso de solicitude, tramitación e validación de proxectos e demais traballos profesionais visados, así como o desenvolvemento dunha pasarela telemática para o envío recepción dos proxectos de edificación, unha vez estean visadas polo Coag.

Pasarela telemática

A sinatura deste acordo posibilitará a creación dunha pasarela telemática que permitirá aos concellos acceder a información dos proxectos de obra visados polo Colexio de Arquitectos. Deste xeito, o cidadán non terá que levar a documentación en papel ata o concello para completar o trámite de autorización da licenza urbanística.

A posta en marcha desta pasarela enmárcase dentro do proxecto da Xunta para o desenvolvemento da administración electrónica na Comunidade Autónoma galega, para que a posteriori se poida integrar en todos os procedementos de concesión de licenzas ou autorizacións administrativas relacionadas cos distintos actos de urbanización, edificación e usos do solo suxeitos a previa licenza urbanística.

Entre outros obxectivos, a iniciativa persigue a normalización da información e documentación dos proxectos de edificación, procedementos simplificados, normalizados e adaptados, a interoperabilidade entre as Administracións Públicas e o Colexio de Arquitectos, a implantación da tramitación telemática e fomentar a transparencia e a homoxeneidade nos procesos urbanísticos.

A maiores, o proxecto permitirá outros beneficios a medio prazo, como o impulso da eAdministración e da inteoperabilidade nas entidades locais galegas, a obtención automática de datos estatísticos sobre edificabilidade en Galicia, información xeorreferenciada dos edificios de Galicia e a posibilidade de estender esta solución a outros procesos urbanísticos.

Esquemas

Licenzas dixitais de obra. Modernización solicitude licenzas obra.

Acordo

Acordo co Consello da Xunta: Tramitación telemática de licencias.

Prensa

Nota de prensa

Televisión de Galicia

Prensa escrita

 

http://www.coag.es/novedades/

© 2011 Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia