Respecto aos anos inmediatamente anteriores, reflíctese nas estatísticas a caída de oferta e demanda de vivenda que se deu na nosa área e que foi xeral en toda España.
Non entendemos, porén, que isto sexa un mal signo como recesión de un sector económico, senón que entendemos que é unha actualización dese sector nos tempos que corren:
1.- O mercado volve aos ritmos anteriores ao boom inmobiliario de finais dos noventa e primeiros anos deste século.
2.- O mercado adáptase á nova sensibilidade polo territorio e, especialmente, polos temas de sustentabilidade, medio ambiente e cidade, entendida case como un ecosistema.
Noutros países da Unión Europea, hai xa uns cantos anos que a maior parte da actividade económica relacionada coa construción se apoia na rehabilitación e recuperación da cidade consolidada, así como nos tecidos e barrios cunha certa degradación, material ou social. Alemaña, por exemplo, leva varias decenios cun sector de rehabilitación e renovación urbana que supera o 52 por cento do total da actividade da construción.
A vivenda foi, nestes anos pasados, o refuxio dos investimentos especulativos que non atopaban o rendemento esperado na Bolsa ou noutros sectores da economía. Así, subiu o prezo da vivenda moi por riba das capacidades do mercado real, da capacidade da xente (clientela) de economía media ou media-baixa, que ten necesidades reais de aloxamento propio.
En Galicia, como no resto de España, a poboación ten unha forte tendencia a asegurar os investimentos en forma material ou de ladrillo. Por tanto, e de xeito algo paradoxal, cómpranse vivendas en lugares afastados dos centros de traballo, estirando a propia economía máis aló do razoable, o que provoca, ademais, maiores gastos pola necesidade forzosa de utilizar medios de transporte e tempo de traslado, antes que alugar unha vivenda situada nunha zona máis conveniente.
A demanda de vivenda segue existindo, tanto de vivenda pública, protexida ou libre.
Nos datos obsérvase como a demanda de segunda residencia fai que crezan as vilas de costa, especialmente as situadas ao borde das praias, como A Pobra do Carmiñal ou Ribeira.
A tendencia dos concellos da área metropolitana de Compostela (Teo, Ames, Brión, o propio Santiago e mesmo Padrón), que urbanizaron moito territorio nos anos pasados, frean o seu crecemento para adecuarse ás necesidades reais do mercado.
|