Día Mundial    Cadernos de Viaxe     Cinecidade

A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos presenta o segundo concurso de curtametraxes urbanas documentais, de ficción ou animación

Karme García, organizadora do concurso:

O gañador do certame Tripomant na Cidade 2.0 recibirá 1.500 euros, o segundo premiado obterá 1.000 euros e o premio do público gratificarase con 500 euros

O prazo de entrega dos filmes remata o 31 de xullo e o xurado emitirá o seu fallo o 21 de setembro

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2012 (Vía Láctea Comunicación).- A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia presentou esta mañá a segunda edición do concurso de curtametraxes Tripomant na Cidade 2.0. No acto estiveron presentes Ana Domínguez Laíño, presidenta da Delegación de Santiago do Colexio; Lisardo de Francisco Domínguez, xerente da empresa de illamentos Tripomant; e Karme García, membro do comité organizador do concurso e arquitecta do estudo k2c arquitectas.

O certame está organizado de maneira conxunta pola Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia, o estudo de arquitectura k2c arquitectas e a empresa de illamentos Tripomant. Na primeira edición, esta actividade cultural programouse de maneira paralela ao ciclo CineCidade, que finalmente non se celebrou por problemas de financiamento.

A finalidade do concurso é seleccionar unha curtametraxe na que se conte unha experiencia urbana, documental, de ficción ou de animación, que teña lugar en calquera época. “Esta nova edición pretende seguir indagando nas distintas formas de habitar a cidade contemporánea. A premisa básica é facer curtas nas que se vexa a cidade, a súa forma de vivir e traballar” –explicou Karme García–.

Nas curtametraxes debe aparecer reflectida a empresa Tripomant a través dos seus produtos, características dos seus illamentos ou o logotipo da firma durante a trama, audio ou imaxes do traballo audiovisual. Ademais, deberá ter unha duración de entre un e dez minutos, incluídos os títulos de crédito e poderá participar todo tipo de público. En canto ao idioma, os traballos poderán presentarse en galego ou en castelán.

O prazo de entrega das curtas rematará o 31 de xullo. “Como expectativas, este ano agardamos que se presente máis xente que na anterior edición, onde conseguimos reunir nove proxectos audiovisuais. O máis indicado sería xuntar traballos realizados por xente de distintos ámbitos para obter unha visión da cidade o máis ampla posible” –apuntou Karme García–.

Na elección dos gañadores, ademais da decisión do xurado, integrado por representantes das entidades organizadoras, terase en conta o voto do público a través de Internet. O xurado emitirá o seu fallo o 21 de setembro. Os seus criterios de valoración basearanse na calidade e orixinalidade das propostas, que deberán cumprir as condicións técnicas que se recollen na base do concurso e, en particular, a historia deberá desenvolverse nun contorno urbano.

Concederanse tres premios. O gañador recibirá 1.500 euros, o segundo premiado obterá 1.000 euros e o premio do público gratificarase con 500 euros. A entrega dos premios e proxección dos traballos terá lugar en Santiago de Compostela na semana do 1 ao 5 de outubro.

Os premiados na primeira edición de 2011

Na edición de 2011, o primeiro premio, así como a distinción do público, foi para  Tripo[wo]man [t]iempos de supervivencia, unha curtametraxe realizada por Carlos di Felice e Marcos Hermida na Coruña, que centrou o seu argumento no percorrido dunha muller vagabunda polas rúas da cidade, “representando a urbe tralo boom inmobiliario” –indicou Karme García–. O segundo premio recaeu no traballo  Time lapses 2, de Jesús Antonio Ben, realizado con imaxes aceleradas do ensache de Santiago de Compostela.

 







>> Karme García, membro do comité organizador do concurso Tripomant na Cidade 2.0

>> Nota de prensa (pdf )

>> Web do concurso (pdf )

>> I Tripomant na Cidade

>> Presentación do concurso de cortos no Salón da Construción de Galicia (SICO 2012). Venres, 23 de marzo, ás 17:00 horas (pdf )