Actividades
Día Mundial
Cadernos de Viaxe
Cinecidade

A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) presentou hoxe en rolda de prensa unha convocatoria de ideas para mellorar a cidade de Compostela coa chegada do AVE. No acto estiveron presentes os tres membros da Xunta Directiva: o presidente, Jorge Duarte; a secretaria, Ana Piñeiro; e o tesoureiro da Delegación, Miguel Serrano.

Segundo o presidente dos arquitectos composteláns, esta actuación, que partiu en 2008 da Aula de Renovación Urbana e Rehabilitación, busca abrir un debate a toda a cidadanía que “vive, sofre ou goza da cidade”. Esta convocatoria de ideas persegue crear un espazo de debate sobre a construción da cidade desde a construcción da nova estación.

Así, o Colexio pretende recuperar a participación cidadá nos procesos de construción da urbe e do territorio, de xeito que se poida “recuperar a voz da sociedade fóra do partidismo político” –indicou Duarte, ademais de aportar ideas ao Plan Especial das catro entidades participantes no proxecto (Ministerio de Fomento, Xunta de Galicia, Concello de Santiago e Renfe-Adif).

“A chegada do AVE e a construción da nova estación intermodal supón unha das obras máis importantes da Santiago en dez ou vinte anos que transformará e mellorará a mobilidade da cidade” –apuntou o presidente. Ademais, esta infraestrutura traerá a recuperación das conexións, melloras para os peóns e para o tráfico, reducindo a presión do automóbil sobre a cidade e modificando os tempos de percorrido dos transeúntes. En definitiva, o proxecto da estación intermodal do AVE será unha gran oportunidade para modernizar a cidade e a porta de entrada ao futuro cun cambio na mobilidade.

As propostas que se presenten deben ir encamiñadas a mellorar a coñexión entre as distintas partes da cidade; mellorar os espazos urbanos configurados coa intervención e a mobilidade nesta área (como a zona das Brañas do Sar e Pontepedriña); eliminar a tradicional barreira das liñas férreas e integrar os novos usos propostos na urbe.

Por ser unha convocatoria interdiciplinar, as propostas poden presentarse en formato, contido e soporte libre, tanto un relato, ensaio, fotografía, proxecto arquitectónico ou vídeo, entre outros. O xurado estará formado por tres persoas da sociedade galega, entre as que xa se atopa o arquitecto Manuel Gallego Jorreto. A valoración das propostas rexirase pola boa definición e enfoque das mesmas, pola súa calidade e orixinalidade e pola amplitude de lectura dos problemas. Ademais, convocaranse unha serie de mesas de debate e unha exposición final.

A documentación completa da convocatoria pódese consultar na páxina web da delegación: www.arquitectosdesantiago.org, tanto as bases como un plano elaborado pola Aula de Renovación Urbana ou mesmo o convenio de colaboración modelo entre as catro administracións. O prazo de presentación das propostas finalizará o próximo día 28 de abril ás 14 horas na sede da delegación (Praza da Quintana 1, 1º -Casa da Conga).

 





ideas polo ave
O prazo de presentación das propostas finalizará o próximo día 28 de abril ás 14 horas na sede da delegación (Praza da Quintana 1, 1º -Casa da Conga).

Para resolver calquera dúbida ou facer algún comentario, envialo a xuntacompostela@coag.es
>> BASES
>> Plano da área da estación en PDF
>> Plano da área da estación en DWG
>> Fotografías
>> Convenio de colaboración