Actividades
Día Mundial
Cadernos de Viaxe
Cinecidade

(07.04.09) A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) e a Aula de Renovación Urbana e Rehabilitación inauguran hoxe, 7 de abril, unha exposición sobre a obra do arquitecto Josep Llinás. Casas Vividas (1978-2008) na Fundación Gonzalo Torrente Ballester (rúa do Vilar, 7 –Santiago–). No acto, que comezará ás 20:30 horas, estarán presentes o presidente do COAG-Santiago, Jorge Duarte, o coordinador da Comisión de Cultura do COAG-Santiago, Iván Andrés, e representantes da Aula de Renovación Urbana e Rehabilitación.

A mostra abrange maquetas, fotografías e filmacións das obras. Componse de dez expositores independentes formados por caixas de madeira montadas sobre unha estrutura metálica, cada un dedicado a un proxecto de Josep Llinás. Así, a exposición reflicte o proceso de traballo do arquitecto.

josep llinas
Segundo Iván Andrés, o arquitecto castellonense adquiriu nos últimos tempos unha proxección internacional coas súas obras, que acadaron unha linguaxe propia e persoal.“Trátase dun arquitecto veterano de grande prestixio, que ainda así, atópase fóra do star sistem da arquitectura” –apunta Iván Andrés. “As obras de Llinás están pensadas para a sociedade, sempre partindo da sua relación coa cidade, e mantendo unha actitude exemplar fronte o traballo” –continúa.

Os recoñecementos do arquitecto

Josep Llinás é un arquitecto valenciano nacido en Castellón, afincado en Barcelona onde desevolveu a súa obra arquitectónica. Profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura de Barcelona e da do Vallés, publicou estudos sobre Josep Maria Jujol e José Antonio Coderch, e colaborou en diversos proxectos co arquitecto Alejandro de la Sota, como a construción dun edificio na embaixada de España en París.

Obtivo tres veces o Premio FAD, no ano 1977 na categoría de interiorismo, en 1996 pola restauración do Teatro Metropol de Tarragona e en 2006 pola realización da Biblioteca Jaume Fuster de Barcelona. En 1995 foi galardoado co Premio Ciudad de Barcelona de arquitectura e en 2006 co Premio Nacional de Arquitectura y Espacio Público concedido pola Generalidad de Cataluña pola realización da Biblioteca Jaume Fuster.

Entre as súas obras destacan un edificio de viviendas en Berga (1977), CAP de Ripollet (1985), a Biblioteca municipal de Vila-seca (1986), a Biblioteca e departamentos da Escola de Enginyers de Camins de Barcelona (1989), o Edificio da Direcció da Facultat de Informática de Barcelona (1995), o concello de Vila-seca (1996), o edificio de aulas e bar da Facultat de Derecho da Universitat de Barcelona (1996), a Biblioteca central de Terrassa (1997), a Torre do Far de Torredembarra (2000), o Centre Pit-roig en Barcelona (2001), a Biblioteca Jaume Fuster (2001-2005), o Complejo Cultural Minicipal en Vic (2005) ou o proxecto do Instituto de Microcirugía Ocular (IMO) que finalizará o próximo mes en Barcelona.

A mostra permanecerá aberta na Fundación Torrente Ballester desde hoxe ao 30 de abril, en horario de luns a sábado de 12 a 14:00 horas e de 18 a 21:00 horas, e os domingos e festivos de 12 a 14:00 horas. Para dar continuidade á exposición, o próximo 23 de abril Josep Llinás ofrecerá unha conferencia ás 20:30 horas na Fundación Caixa Galicia (Rúa do Vilar, 9 –Santiago–).


 





 

O Colexio de arquitectos de Santiago organiza unha exposición sobre o proceso de traballo do arquitecto Josep Llinás

A inauguración será hoxe, ás 20:30 horas na Fundación Torrente Ballester, e permanecerá exposta ata o próximo 30 de abril

O arquitecto castellonense, afincado en Barcelona, ofrecerá unha conferencia na Fundación Caixa Galicia o 23 de abril

En concreto, un dos expositores está composto por unha caixa de introdución e os outros nove restantes por unha serie de proxectos seleccionados en caixas de introdución ou en caixas horizontais con maquetas.
A proposta da exposición está concebida como unha mostra con arquitectura que tenta reflectir os trinta anos dunha experiencia arquitectónica e amosar modos de vida urbanos actuais. As obras seleccionadas, desde 1982 ata a actualidade, inclúen vivendas colectivas (grandes bloques na estrutura urbana, na zona antiga das cidades e que forman parte das rúas e do tecido), e equipamentos culturais como bibliotecas, construídos principalmente en Cataluña.