Día Mundial    Cadernos de Viaxe     Cinecidade

A delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia celebrou o Día Mundial da Arquitectura destacando a importancia social das prazas da cidade

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2011 (Vía Láctea Comunicación).- A delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia celebrou hoxe o Día Mundial da Arquitectura baixo o lema Arquitectura e dereitos humanos. Como todos os anos, as seccións nacionais membros da Unión Internacional de Arquitectos (UIA) levan a cabo diferentes actos para celebrar o Día Mundial da Arquitectura, que dende 1997 se celebra o primeiro luns de outubro, coincidindo no Día Mundial do Hábitat.

No acto estiveron presentes os membros da xunta directiva da delegación, a súa presidente, Ana Domínguez; o tesoureiro, Santiago Rodríguez; e a súa secretaria, Mónica Carracedo; ademais do decano do Colexio, Jorge Duarte; e o alcalde de Santiago, Xerardo Conde Roa.

Conde Roa manifestou a súa satisfacción pola liña de traballo da delegación e apostou por poñer en marcha un plan de rehabilitación das aproximadamente 50 fontes da cidade. Finalmente destacou o seu amor pola arquitectura e, por suposto, pola cidade de Santiago.

Cidade e espazos públicos, lugares de comunicación social

Os arquitectos composteláns acóllense á proposta do Colexio de Arquitectos de Galicia para destacar o espazo público como o ámbito de cristalización e manifestación de moitos dos principios que alentan a Declaración destes Dereitos Humanos, e reflexionar sobre o seu valor como lugares de comunicación, paradigma da convivencia e o diálogo que alimentan a expresión da sociedade.

“A estrutura da cidade foi, e segue sendo, o tecido onde se enredaron as relacións sociais, onde se densificaron as actividades económicas, e, paralelamente, onde se lle puxeron voz ás demandas dunha sociedade que se foi construíndo a medida que se construían os seus núcleos urbanos. Nin sequera nos novos tempos, nos que a comunicación e as actividades económicas acadaron unha importante compoñente virtual, disminúe a importancia do espazo público, plural e aberto, para darlle representación física ás necesidades dunha poboación que é tamén unha realidade física” –explican membros da delegación.

Dentro desta reflexión para a posta en valor do espazo público, cobran especial relevancia as prazas como a manifestación formal mais perfecta da necesidade dun lugar para a relación, que, ademais, levan implícito o valor simbólico como lugares de representación e valoración da propia vila.

Aproveitando esta oportunidade, os membros da xunta directiva da delegación queren chamar a atención tamén sobre aquelas outras prazas que nacen para dar un servizo concreto, non representativo, pero que desenvolven unha actividade relevante na vida das vilas: son as prazas de abastos ou mercados, lugares que, cumprindo unha necesidade primaria de abastecemento de mercancías, rodéanse dunha complexidade de usos e usuarios que plasma o latexo da vida nas cidades. En Santiago, hai un mercado especialmente relevante arquitectonicamente, pero tamén existen moitas outras prazas de abastos que dan acollida a estes pulsos vitais das vilas, deixando claramente á vista a súa complexidade e a súa riqueza.

O obxectivo neste día de celebración da arquitectura e os dereitos humanos é conseguir que estes espazos de manifestación sexan considerados como tal, como lugares para a comunicación, para compartir a cidade; o lugar axeitado e lexítimo para que cobren presenza os diferentes sectores que a conforman. Neste senso, os arquitectos composteláns lembran a liña que ven a seguir esta delegación para estar presente na sociedade, de saír ás prazas e ás rúas para propor temas de debate e sensibilización social.

Así, en anteriores edicións da celebración do día mundial, a delegación de Santiago abrangueu temas de sensibilización social, desde o debate da integración do patrimonio etnográfico e paisaxístico no contorno do río Sarela ao seu paso polo Camiño de Fisterra, ata a chamada de atención sobre a relevancia da rede de aserradeiros da bisbarra de Compostela como paradigma de axeitada relación entre o contorno natural e os procesos industriais de transformación de produtos. Tamén destacaron a reivindicación da necesidade de recuperación de oficios tradicionais e a súa adaptación as novas tecnoloxías. Como materialización deste derradeiro tema instalouse unha vide metálica, de cobre reciclado, que medra nun pilar da Casa da Conga e tenta acadar os muros da catedral, remarcando hoxe este lugar simbólico da cidade.

O Colexio de Arquitectos de Santiago ten a pretensión de manter a súa presenza na sociedade, establecendo un diálogo e comunicación sensibles aos pulsos da cidade en temas de ampla sensibilidade social como o tratamento e recuperación das Brañas do Sar ou as propostas da futura estación de alta velocidade. Pero, ademais, quere incrementar esta presenza multiplicando as oportunidades de diálogo e diversificando os foros onde poder levalo a cabo, para así estar abertos á cidadanía. “Somos todos os que construímos o territorio no que vivimos, e por iso cremos que o debate, a reflexión conxunta, a discusión, a expresión das inquedanzas de todos os colectivos, non só redunda en beneficio de todos, senón que, ademais, é unha modesta manifestación dos principios de relación que alimentan a base dos Dereitos Humanos” –indican desde a delegación.



 

>> Nota de prensa (pdf )






OUTROS ANOS:

2010
2009: Unha nova man
2008: Serradoiros da bisbarra de Compostela
2007: Casa da Conga
2006: Monte Pío: Residencia Presidente da Xunta
2005: Conservatorio Profesional de Música de Santiago
2004: Mercado de Abastos
2003: Escola de Maxisterio
2002: Rehabilitación do restaurante Casa Manolo
2001: Casa de máquinas da rúa Galeras
2000: Edificio de vivendas da rúa Doutor Teijeiro