Día Mundial    Cadernos de Viaxe     Cinecidade

A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos inicia o diálogo social sobre o concurso da estación intermodal

Jorge Duarte, decano do Colexio de Arquitectos:

“A estación é un punto fundamental da estrutura urbana pola súa centralidade, que debería resolver conflictos de mobilidade no centro urbano e na súa área metropolitana”

O coloquio sobre o proxecto da estación, que inaugurou hoxe o alcalde de Santiago, forma parte dun ciclo de conferencias sobre temas de interese da cidade

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2011 (Vía Láctea Comunicación).- A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia inaugurou hoxe un ciclo de conferencias sobre temas de interese da cidade que contará coa participación de representantes políticos e sociais. A charla inaugural, que se celebrou na sede colexial, versou sobre o concurso para a redacción do proxecto da nova estación intermodal de Santiago.

Para debater sobre o proxecto contouse coa presenza do alcalde de Santiago, Xerardo Conde Roa; o decano do Colexio, Jorge Duarte; e a presidenta de Santiago, Ana Domínguez Laíño. Ademais, o coloquio contou coa participación das asociacións veciñais e aos autores das propostas da convocatoria de ideas sobre o AVE, liderada pola Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos en 2009.

Os arquitectos composteláns pretenden con esta iniciativa “establecer unha vía de diálogo cos diversos axentes socias da cidade, tales como administracións, asociacións de veciños ou calquera particular”. Segundo explicou Jorge Duarte, para o Colexio de Arquitectos a convocatoria de Adif sobre a estación intermodal do AVE en Santiago é un tema fundamental dentro da estrutura de cidade pola súa ubicación. Así, o Colexio compostelán segue a liña de traballo que comezoucoa convocatoria cidadá de ideas sobre o AVE.

“A estación non é só un lugar, é tamén un punto fundamental da estrutura urbana pola súa centralidade, que debería resolver conflictos de mobilidade no centro urbano e na súa área metropolitana, no resto de Galicia ou mesmo a nivel nacional” –explicou Duarte.

As propostas

O concurso de ideas sobre a estación que convocou anos atrás a Delegación de Santiago perseguía crear un espazo de debate sobre a construción da cidade desde o nacemento da nova estación. “Queriamos recuperar a participación cidadá nos procesos de construción da urbe e do territorio, fomentando o diálogo sobre a recuperación das conexións, as melloras para os peóns e para o tráfico, reducindo a presión do automóbil sobre a cidade e modificando os tempos de percorrido dos transeúntes” –indicou Ana Domínguez.

Así, as propostas ían encamiñadas a mellorar a conexión entre as distintas partes da cidade, mellorar os espazos urbanos configurados coa intervención e a mobilidade en áreas das Brañas do Sar e Pontepedriña, ademais de eliminar a tradicional barreira das liñas férreas e integrar os novos usos propostos na urbe.

A convocatoria xa recollía a intermodalidade do transporte, pero de modo xeral todos os proxectos coincidiron na conveniencia de integrar na cidade as Brañas do Sar e conectar o barrio da Pontepedriña co Ensanche e o propio casco histórico de forma peonil. Bos accesos para peóns, conexión coas entradas á cidade e mesmo o estudo dunha rede de transporte metropolitano figuran nas propostas seleccionadas polo xurado (Alua TJTR, Encrucillada, Proxecto da Estación Intermodal de Santiago, Nighttrain e Tic-Tac-Tic) que estivo formado por Manuel Gallego Jorreto (arquitecto), Andrés Precedo Ledo (experto en planificación territorial) e Suso de Toro (escritor compostelán).

 



>> Nota de prensa (pdf )