Exposicións
Día Mundial
Cadernos de Viaxe
Cinecidade

Que é a arquitectura bioclimática?
A arquitectura bioclimática é unha nova arquitectura?
f Cales son eses criterios?
f Non se usan hoxe eses criterios tan elementais?
Cómpre volver, entón, a facer os edificios como antes?
O aspecto dos edificios tamén volverá a ser como o de antes?

Federico López Taetzel leva dez anos organizando as Xornadas de Arquitectura Bioclimática, unha destacada actividade da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia. A cita reúne, cada novembro, a expertos de distintas disciplinas e profesións con afán de pór en común reflexións e proxectos. López Taetzel sinala que o aproveitamento enerxético sempre estivo presente na formación académica do arquitecto.


Que é a arquitectura bioclimática?

O termo “bioclimática” quere expresar un tipo de edificación que foi deseñada cunha dedicación especial polos aspectos relativos ao confort, a saúde e ao aproveitamento da enerxía mediante a utilización racional e preferente dos medios naturais.

A arquitectura bioclimática é unha nova arquitectura?

Non, todo o contrario, é un intento de volver a pensar os edificios utilizando criterios que sempre pertenceron á arquitectura, e dos cales se produciu un alonxamento como consecuencia da incorporación nos edificios de equipamento técnico produto do avance tecnolóxico, que non sempre significou unha mellora da calidade de vida.

Cales son eses criterios?

A obra de arquitectura tiña que dar resposta ás necesidades do usuario, entendendo necesidade no seu significado máis amplo, tendo presente as características físicas do lugar e a súa contorna, así como as condicións climatolóxicas do medio. Para isto, debíase controlar a axeitada ventilación natural das estancias, provocando a circulación do aire a través da vivenda. Aproveitábase a radiación solar, deixándoa entrar en inverno e conservando esa enerxía que se acumulaba en materiais pesados e impedindo a súa saída polas ventás mediante a utilización de cortinas, e contraventás. Mentres que no verán se controlaba a súa incidencia mediante persianas exteriores, emparrados e toldos.

Se consideramos os edificios de vivendas de hai 70 anos ou máis, vemos que reunían esas condicións particulares que lles permitían adaptarse ás distintas épocas do ano, e manter unhas cualidades aceptables de confort, dentro das limitacións económicas e técnicas de cada momento. Ademais estaban equipadas cos elementos mencionados, que utilizados con bo criterio resultaban moi eficientes.

Para conseguir eses resultados é fundamental que o edificio estea ben orientado, isto significa que teña as habitacións principais coas ventás abertas ao Sur, que é a orientación que ten maior cantidade de horas de sol e a que permite un mellor control da súa incidencia; dispoñendo na medida do posible as zonas de servizo, cociña, baños, lavadoiros e garaxe na fachada norte, sobre a que non inciden os raios solares, polo que resulta máis fría e húmida, e debe estar máis protexida e illada para evitar a perda de enerxía solar que gañamos pola fachada sur.

Non se usan hoxe eses criterios tan elementais?

Houbo unha época, hai anos, no que o desenvolvemento tecnolóxico e o emprego xeneralizado de combustibles derivados do petróleo xerou a crenza de que non era necesario estar tan condicionado pola influencia do medio natural para o deseño das vivendas e edificios, e que as condicións de confort dentro dos edificios se podían conseguir mediante o uso da enerxía aportada por eses novos combustibles, tanto para calefacción como para refrixeración, difundindo o uso do aire acondicionado.

Comezou entón o alonxamento progresivo do uso dos criterios tradicionais, e se difundiu a imaxe de edificios con solucións que se aplicaban tanto nun clima cálido como nun frío, ao prezo dun incremento do uso da enerxía necesaria para mantelos en condicións de confort.

Co tempo o usuario foi perdendo o hábito de adecuar as condicións da vivenda á climatoloxía de cada estación, dado que a súa participación nos novos edificios se limita a conectar ou desconectar o aire acondicionado ou a calefacción, pero non ten posibilidade de utilizar os elementos de control que antes eran parte fundamental para acadar un maior confort dentro da vivenda.

Nalgúns edificios de oficinas, esta falta de participación do usuario para controlar as condicións do seu lugar de traballo, unido á hermeticidade da estancia, a falta de luz natural, a perda de contacto co exterior e o uso do aire acondicionado provocou situacións de incompatibilidade, que dificultan seriamente o desenvolvemento normal da xornada laboral.

Cómpre volver, entón, a facer os edificios como antes?

Cómpre entender que eses edificios cuxo uso está baseado no consumo excesivo de enerxía non se poden seguir construíndo, polo menos como modelo xeneralizable. Sempre existirán edificios singulares aos cales non se lles aplica o criterio válido para a maioría, pero deben ser casos excepcionais, nos que estea xustificada esa solución.

Se aceptamos o dito, non queda outra alternativa que retomar os criterios expostos, e que foron os que en parte, canda outros moitos, serviron de fundamento ao que coñecemos como arquitectura moderna. Debemos retomalos e, aplicando os medios técnicos de que hoxe dispomos, deseñar as vivendas dotándoas da posibilidade de participación do usuario no control das condicións interiores.

O aspecto dos edificios tamén volverá a ser como o de antes?


Non, iso xa non é posible, porque non só cambiou o aspecto dos edificios actuais en relación aos antiguos, senón que o cambio tamén se produciu no usuario, naquelas formas que constitúen a súa referencia externa, o seu hábitat.

A linguaxe formal da arquitectura actual deriva do elaborado polos pioneiros da arquitectura moderna a principios do século XX. Esta linguaxe coexiste con “revivals” de linguaxes formais superados, pero aínda vixentes nas preferencias de moitos usuarios e que dan como resultado obras con mesturas de elementos de distintas épocas. Tamén existen obras que “queren ser moi modernas” e utilizan formas abraiantes, e en moitos casos gratuítas, pois responden a un certo capricho do deseñador, xunto a outras que, con rigor, avanzan na elaboración da linguaxe arquitectónica, que corresponde a un futuro que se está a construír hoxe, como ocorre noutros campos da creación (música, pintura, escultura…), pero que no caso da arquitectura, esta debe dar respostas a demandas concretas e ineludibles do usuario.

Non é doado definir cal é a forma arquitectónica actual, porque a diferenza doutros momentos históricos, hoxe a arquitectura non está totalmente ao servizo dun único usuario, senón que tamén participa dela, modestamente, a sociedade no seu conxunto, coexistindo a súas demandas de solución de problemas básicos coas demandas peculiares deses sectores exclusivos. Hoxe non hai unha arquitectura cunha imaxe formal unitaria, senón que hai distintas propostas e manifestacións segundo a quen estea dirixida a obra, expresándose así, mediante a arquitectura, as profundas diferenzas, aínda insalvables, que existen nas nosas sociedades desenvolvidas.

Federico López Taetzel

 

 

Arquitectura bioclimática