Este ano CineCidade intérnase no mundo das cidades imaxinadas, irreais, ideais, inventadas,… creadas por arquitectos, urbanistas e cineastas.

A cidade é un dos temas fundamentais de traballo e reflexión de arquitectos, urbanistas, economistas e políticos. Non só se centran nas cidades reais, se non que tamén botan unha ollada ao futuro e imaxínanse outras realidades ficticias, en ocasións utópicas, ideando como podería ser a vida noutras condicións sociais ou naturais. As cidades, reais ou imaxinadas, tamén pasaron a formar parte do mundo do cine desde a súa máis incipiente existencia. As imaxes que temos de cidades do pasado, do futuro, incluso dalgunhas do presente non son máis que o resultado da creación artística dos cineastas, que cos seus decorados ou efectos crearon espazos urbanos que temos asimilado como reais.
As ideas visionarias dos arquitectos serviron coma fonte de inspiración para os decorados dalgunhas películas. En Gattaca aparecen retallos urbanos que nos recordan as imaxes dos neoclásicos Étienne-Louis Boullée ou Claude Nicolas Ledoux e resulta fácil percibir a influencia dos deseños futuristas de Hugh Ferris na creación de Gotham City, a cidade na que se desenvolven as aventuras de Batman. Noutras ocasións foron os propios arquitectos os que aplicaron directamente as súas ideas na creación dos escenarios urbanos como no caso de László Moholy-Nagy en O mundo futuro (Things to come).

No seu traballo diario arquitectos e urbanistas teñen imaxinado espazos urbanos, algún dos cales chegou a materializarse nun lugar concreto, como os casos da cidade de Chandigard na India, obra do arquitecto suízo le Corbusier, ou Brasilia, capital de Brasil, obra de Lucio Costa e Oscar Niemeyer; outros que se proxectaron e nunca chegaron a saír do papel, quedándose nun sinxelo esbozo, como as cidades ideais de Vitrubio ou Leonardo da Vinci, ou que foron parcialmente materializadas como o caso da cidade ideal de Ledoux que se executou, en parte, en Salinas de Chaux.
A chegada da tecnoloxía dixital abre un novo mundo á concepción urbana no cine, permitindo desenvolver ambientes máis complexos como os que aparecen en A illa ou Dark City.
Esta edición presenta algunhas novidades coas que quixemos complementar o ciclo de cine. Coincidindo cos actos que se celebran en Santiago para conmemorar o Día Mundial da Arquitectura, comezaremos na Praza da Quintana coa proxección do vídeo The Child de Antoine Bardou no que unha cidade tipográfica porá imaxes á música de Alex Gopher. O Museo Galego de Arte Contemporánea (CGAC) será a nova sede do ciclo, onde ademais de ver cine, tamén falaremos del. Jorge Gorostiza será quen, coa súa conferencia Imaxinar a cidade: Ficción e realidade no cine, de achegaranos mediante imaxes e palabras ao cine e ás cidades imaxinadas.
Esperámosvos.

Carmen García González
Carmen Rey López
Susana Rodríguez Alemparte