Noticias
Revista de Prensa
Audios
Videos

foto teleférico
foto bicicleta autobús

foto bicicleta

Temos présa, para ir, vir e, o que é peor, para pensar. A enorme velocidade cremos pensar na cidade e no transporte urbano derivándoo do transporte de mercadorías… e falamos de loxística coma se fose un instrumento capaz de articular a cidade, de articular a sociedade. Sacamos conclusións de certeza económica absoluta. Aplicamos as conclusións ao transporte de humanos, seres sociais que viven en rede, no seu hábitat-cidade en rede, en territorios en rede, que amplían as súas relacións cada día, que son os auténticos motores do transporte. Aplicamos as conclusións, coma se fosen reses algo sofisticadas (?)

Medimos a capacidade dun transporte de mercadoría humana polo número de reses que é quen de mover por hora, por día, por ano, sen ter en conta para que, onde, como e, por suposto, sen ter en conta a adecuación dos instrumentos de gran capacidade ás necesidades reais dunha poboación, ou o cumprimento dun obxectivo previo que vaia máis aló dun palmo do nariz. As veleidades de modernidade –todo o soluciona a técnica, tipo Julio Verne– son antigallas. A velocidade non é un obxectivo, a cantidade menos aínda, creo. Os caprichos de velocidade, de cantidade, de modernidade antiga, poden virar as tornas e pór ao servizo da técnica e a súa capacidade a complexidade dun territorio ocupado por múltiples e densos enlaces de humanos, cuxo primeiro obxectivo non é o transporte de masas. Ir por ir ou o mundo ao revés.

O turismo cómeo todo. Todos somos turistas potenciais. Somos turistas cando estamos fóra do noso medio, pero en casa non, en casa somos cidadáns. Cando nos transformamos en turistas perdemos, en parte, esta categoría. Consumimos cidade vorazmente. Como turistas nos aburre o ritmo pousado da vida cotiá e necesitamos grandes fitos, grandes sensacións e transformamos a cidade, a nosa cidade, nun parque de atraccións.

Así que considero un capricho pór a disposición dun único sector da poboación dunha cidade –turismo pasaxeiro ou azaroso visitante– unha técnica eficaz, mais ortopédica, capaz de tele-transportalo en masa, sen ter en consideración a necesidade dos Cidadáns con maiúscula. É un capricho non considerar toda a maraña de liñas virtuais-imaxinarias-reais que trazan os demais sectores da poboación –os que non son turistas– desa cidade e a súa contorna. É un capricho impór con razoamentos vesgos unha técnica, por moi moderna que pareza, á necesidade real dun colectivo.

A Cidade da Cultura únese a Santiago por un fío de prata que case ninguén ve e que aínda menos a xente usa, pois está cortado pola “muralla (Avenida) de Lugo”. A Cidade da Cultura é parte da cidade, queirámolo ou non. Necesita conexións sólidas, capaces, para transportar alí algo máis que mercadoría humana dende o fito Catedral-Cidade Histórica, dende a cidade toda, dende a contorna toda, dende un territorio que vai bastante máis aló. Estaría ben utilizala como desculpa para expór conexións que dean unha facilidade engadida ao visitante-pasaxeiro engadindo unha pinga máis de sentido á súa existencia e que sirvan, ao mesmo tempo, ao CIDADÁN con maiúscula. Usemos o problema como desculpa para coser a cidade á súa contorna, ao seu territorio natural que creceu, por forza da práctica, en termos municipais distintos.

Tomemos o facho da auténtica modernidade e expoñamos un concepto de cidade de futuro, con futuro, non baseado no simple existe, logo úsoo, que se aplicou sempre ao uso das armas. O transporte, ben soñado, ben resolto, é un arma de futuro.

Idoia Camiruaga
Presidenta da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos
28.04.08

Cidade e mobilidade