Día Mundial    Cadernos de Viaxe     Cinecidade

A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia considera que as obras de remodelación que actualmente se están a realizar na Praza de Galicia son “superficiais” e banalizan unha serie de problemas do espazo urbano relacionados cos usos. Demanda ao Concello de Santiago a paralización das obras e ofrece a súa colaboración como colectivo para aportar a reflexión urbanística necesaria.

Segundo os arquitectos composteláns, a reforma que xa se debuxa na praza dá a impresión de que calquera lugar pode albergar un parque infantil de xogos. “Moi preto da praza está a Alameda, unha ampla extensión de terreo cunha valiosa masa arbórea e un clima máis axeitado para os nenos, as familias, a mocidade e para todos os cidadáns e visitantes de Santiago” –indican–. Ademais, a delegación compostelá quere destacar o aspecto de “extrarradio” que pode adquirir este espazo central da capital galega cos peches e valados que se van a instalar no cerramento do parque infantil.

Nesta punto, a entidade sinala que a Praza de Galicia é un lugar central que une dúas parte da cidade, en liña coa vella muralla, ubicada nunha zona plana, protexida dos ventos e con soleamento. “Con estas características podería ser o lugar perfecto para poñer un parque infantil, pero primeiro cómpre facer unha reflexión urbana e modificar o espazo para facelo habitable, acolledor e atractivo para os peóns, a pesar da altura que xa ten sobre as beirarrúas e que esaxera aínda máis ese valado infranqueable”– consideran os arquitectos–.

O Colexio de Arquitectos explica que a Praza de Galicia é o punto de equilibrio entre os dous centros: o ensanche e a améndoa histórica. Segundo os arquitectos composteláns, a praza é un problema urbanístico, máis ben trátase da oportunidade de darlle a Santiago ese lugar central e cívico, que aínda lle falta, pois esta función non a poden adoptar o Obradoiro, a Quintana ou a Praza Roxa. “A praza é, desde hai anos, unha materia pendente da cidade. Quedou aí, case en terra de ninguén, coa saudade do antigo edificio Castromil e sen saber que facer de si mesma”. E engaden que aplicando boas leis de cultura urbana, entre elas calmar o tráfico, a Praza de Galicia podería exercer as funcións que conleva o seu nome.

O Colexio teima en que a Comisión da Cidade Histórica non deu a súa aprobación ás obras

Outro aspecto importante que reclaman é a ausencia da aprobación da Comisión da Cidade Histórica. Sinalan que un espazo afectado polo perímetro de protección da Cidade Histórica non pode ter un aspecto de “patio de colexio”. E pensan que non se poden resolver os problemas da cidade superpoñendo xardíns infantís en todas as prazas e en todos os espazos “baleiros”, porque algúns xa teñen personalidade propia como o xardín de San Roque.

A organización lembra que hai poucos anos se convocou un concurso no que, como colectivo, non tiveron participación na redacción das bases. O arquitecto Stefano Presi fora o gañador do proxecto.

Ademais, consideran que en tempos de crise non é axeitado facer investimentos en obras “sen sentido, sen pensamento urbano, por moi baratas que sexan”, cando en realidade, “faltan cousas máis importantes nese mesmo enclave” –agregan–, como é un ascensor que consinta o uso universal do aparcadoiro, para que a poboación con problemas de mobilidade teña un mellor acceso.