Noticias
Revista de Prensa
Audios
Videos

Amplíase o prazo de entrega das propostas da convocatoria de ideas ata o 8 de xuño

A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) aumentou o prazo de presentación de proxetos dentro da convocatoria de ideas para mellorar a cidade de Compostela coa chegada do AVE ata o 8 de xuño. A ampliación debeuse ao gran interese mostrado pola cidadanía e á organización dun ciclo de conferencias sobre a transformación da cidade, entre outras actividades.

A primeira das accións que se levarán a cabo o próximo mes é un ciclo de conferencias complementarias á convocatoria de ideas, que se inaugurará o xoves-7 de maio. En total, programáronse tres charlas que versarán sobre temas vinculados coa transformación da cidade e a chegada do AVE. A temática será a seguinte:

1.Participación cidadá na transformación da cidade, impartida por Belinda Tato (estudo madrileño Ecosistema Urbano). Trátase dunha arquitecta que centra o seu traballo na investigación e deseño ecolóxico de novos proxectos arquitectónicos que entende o desenvolvemento sostible como fonte de innovación.

2.Mobilidade urbana. Cidade e territorio, impartida por Juan Requejo Liberal. Defínese como consultor de planificación. É socio director de dúas empresas consultoras sevillanas: Asistencias Técnicas Clave (Medio ambiente, enerxía e turismo) e Arenal Grupo Consultor (ordenación do territorio e políticas públicas). Dirixiu uns 25 plans, entre eles os recentes plans andaluces de turismo, de industri e de enerxía e dez plans de ordenación do territorio. Asesorou a varios gobernos e organismos internacionais, imparte docencia en catro master (urbanismo, espazos naturais, turismo e renovación urbana) e conta con nove públicacións pendentes, ademais de varios artigos.

3.O espazo verde na rexeneración urbana, impartida por Albert Cuchí. Arquitecto catalán e profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura de Barcelona.

Tamén desde o Colexio compostelán, e en colaboración coa USC e a Facultade de Ciencias da Comunicación, trabállase conxuntamente para conseguir unha visualización das propostas presentadas máis interesantes, segundo un acordo que se concretará proximamente.

Segundo o colexio, esta convocatoria de ideas persegue crear un espazo de debate sobre a construción da cidade desde a implantación da nova estación. As propostas que se presenten deben ir encamiñadas a mellorar a conexión entre as distintas partes da cidade; mellorar os espazos urbanos configurados coa intervención e a mobilidade nesta área; eliminar a tradicional barreira das liñas férreas e integrar os novos usos propostos na urbe.

Por ser unha convocatoria interdiciplinar, as propostas poden presentarse en formato, contido e soporte libre, tanto un relato, ensaio, fotografía, proxecto arquitectónico ou vídeo, entre outros. O xurado estará formado por tres persoas da sociedade galega, entre as que xa se atopa o arquitecto Manuel Gallego Jorreto. A valoración das propostas rexirase pola boa definición e enfoque das mesmas, pola súa calidade e orixinalidade e pola amplitude de lectura dos problemas. Ademais, convocaranse unha serie de mesas de debate e unha exposición final.

A documentación completa da convocatoria pódese consultar na páxina web da delegación: www.arquitectosdesantiago.org, tanto as bases como un plano elaborado pola Aula de Renovación Urbana ou mesmo o convenio de colaboración modelo. O prazo de presentación das propostas finalizará o día 8 de xuño ás 14 horas na sede da delegación (Praza da Quintana 1, 1º -Casa da Conga). Para calquera dúbida ou consulta, os interesados poden mandar as súas preguntas ao seguinte correo electrónico: xuntacompostela@coag.es.

O Colexio de Arquitectos de Santiago organiza en maio un ciclo de conferencias sobre a transformación da cidade coa chegada do AVE