Día Mundial    Cadernos de Viaxe     Cinecidade

As delegacións colexiais colocarán unha placa conmemorativa nun edificio emblemático da súa zona rexistrado no Docomomo Ibérico

Santiago homenaxea ao polígono de Vite, obra do arquitecto Julio Cano Lasso

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2012 (Vía Láctea Comunicación).- O Colexio de Arquitectos de Galicia celebra o próximo luns, 1 de outubro, o Día Mundial da Arquitectura baixo o lema “O arquitecto como transformador da cidade”. Como todos os anos, as seccións nacionais membros da Unión Internacional de Arquitectos (UIA) levan a cabo diferentes actos para celebrar o Día Mundial da Arquitectura, que dende 1997 se celebra o primeiro luns de outubro, coincidindo co Día Mundial do Hábitat. Este ano o Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España (CSCAE) considerou conveniente enviar esta mensaxe anual ao conxunto da sociedade española, homenaxeando e recordando a aqueles arquitectos que, durante o século pasado, na evolución efectiva da arquitectura moderna, emprenderon unha labor radical de transformación urbana, estreitamente ligada ás circunstancias do momento e propias de aqueles anos. É dicir, un traballo vinculado á industrialización e á construción do espazo público, que permitiu resolver os daquela novos problemas funcionais e sociais derivados do crecemento acelerado.

Neste ámbito, e da man da Fundación Docomomo Ibérico, vaise adicar o Día da Arquitectura 2012 á colocación de placas informativas en edificios senlleiros da arquitectura moderna, incluídos no Rexistro Docomomo Ibérico. Esta iniciativa constitúe unha chamada de atención sobre o Patrimonio do século XX, un patrimonio cunha fraxilidade que require especial atención. Efectivamente, os novos edificios modernos que se empezaron a construír a partires de 1925 en España e Portugal non só experimentaron novos programas e formas, senón que o fixeron con novos materiais e tecnoloxías, pouco ensaiados ata entón. A súa posta ao día e a súa adecuación ás normativas actuais produciron unha mingua dos valores patrimoniais destes edificios. Por outra parte, por tratarse dun patrimonio abundante e moi recente é, en moitas ocasións, pouco valorado pola sociedade e as administracións responsables da súa protección. Nesta edición vanse colocar 64 placas en toda España, co obxectivo de ir ampliando este número nun futuro.

O Colexio de Arquitectos de Galicia, a través das súas delegacións, colocará placas identificativas nos edificios máis emblemáticos da época nas súas zonas. É unha homenaxe cargada de intencionalidade e tamén dunha aposta renovada pola continua transformación da cidade, polo seu mantemento necesario e a súa mellora imprescindible.

DELEGACIÓNTEMA
A CORUÑALonxa de Gran Sol. Porto da Coruña
FERROLPoboado das Veigas, As Pontes
LUGOMovemento Moderno da Terra Chá
PONTEVEDRAPoboado mineiro de Fontao. Concello de Vila de Cruces
SANTIAGOPolígono de Vite. Santiago
VIGOMovemento Moderno en Vigo

O barrio de Vite, unha arquitectura de detalles humildes

A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos organiza para o Día Mundial da Arquitectura unha serie de actividades que se estenderán ao longo de toda a semana. Co lema desta edición, os arquitectos composteláns intentarán chamar a atención sobre obras pertencentes ao Movemento Moderno e incluídas no Rexistro da Fundación Docomomo Ibérico. Nesta ocasión, a Comisión de Cultura da Delegación de Santiago decidiu destacar o Polígono de Vite (1960), obra de Julio Cano Lasso, por “plasmar de forma modélica os valores transformadores e xeradores da arquitectura na cidade, e a súa capacidade de interactuar cos que a habitan” –indica a presidenta da Delegación, Ana Domínguez Laíño–. O arquitecto madrileño afirmaba que tanto o Polígono de Vite como a obra sindical de 284 vivendas en San Caetano conformaban unha arquitectura de detalles humildes.

Segundo explica Laíño, Cano Lasso trata de colocar no proxecto de Vite cada peza no seu lugar. A intención era ocupar os puntos máis delicados e asegurar neles unha edificación mínima e a defensa da paisaxe. Conserváronse enclaves de magnífico arboredo, como a finca de Lois ea horta de San Francisco, xa desaparecidos.

“En toda actuación urbanística o tratamento da paisaxe é un problema de sensibilidade e amor que soe fuxir das nosas mans, xa que son outros os que urbanizaron, e as intencións, as veces moi meditadas, respecto á conservación de canle naturais, masas de arboredo, tratamento de taludes ou rochas desvanécense na execución das obras. Hoxe podemos dicir que tantas boas intencións quedaron en nada. A paisaxe foi devorada pola especulación, as fincas privadas de hortas foron edificadas” –explica Ana Domínguez Laíño–.

Para agasallar esta obra, programáronse unha serie de actividades para toda a semana. O luns, 1 de outubro, haberá un encontro no salón de actos do Centro Sociocultural do barrio de Vite “José Saramago”, ás 12:00 horas. Nesta xuntanza intervirán o presidente da Asociación de Veciños do Polígono de Vite, Alfredo Santomil; a concelleira de Urbanismo de Santiago, María Pardo; a presidenta da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos, Ana Domínguez Laíño; e a viúva do arquitecto Julio Cano Lasso, María del Pilar Pintos Vázquez-Quirós. De seguido, aproximadamente ás 12:45 horas, procederase á colocación dunha placa conmemorativa, e ás 13:00 horas, farase un percorrido guiado polo polígono, con parada nas vivendas de San Caetano, para finalizar no Auditorio de Galicia, ambas, obras de Julio Cano Lasso.

Maqueta orixinal do proxecto

Pola tarde, realizarase unha reflexión sobre a capacidade transformadora do arquitecto na cidade, na sede colexial da Casa da Conga ás 20:00 horas. Ademais, producirase a cesión da maqueta orixinal do proxecto de Vite por parte do Concello de Santiago ao Colexio de Arquitectos. Esta maqueta estará exposta durante toda a semana na sede da Quintana.

Máis tarde ver unha proxección de “Fotografías de Arquitectura Contemporánea en Santiago de Compostela”, do fotógrafo Fuco Reyes. Ademais, durante toda a semana haberá unha proxección continua das fotografías no sala de exposicións colexial, en horario de 10:00 a 20:00 horas, excepto martes e xoves que pechará ás 18:30 horas.

Xa o martes, celebrarase unha charla sobre o Museo das Peregrinacións, impartida por Manuel Gallego Jorreto ás 19:30 horas, no propio edificio. Esta actividade está organizada polo Consorcio da Cidade de Santiago, en colaboración do Colexio de Arquitectos de Galicia.

Para o xoves-4, a Delegación compostelá programou a proxección e entrega de premios do Concurso de Curtametraxes Tripomant na Cidade, organizada por k2c Arquitectas, en colaboración coa entidade colexial. O acto será ás 19:00 horas no Ensanche Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal.

ACTIVIDADES ORGANIZADAS PARA A SEMANA DO DÍA MUNDIAL DA ARQUITECTURA (1 DE OUTUBRO)

Luns-1

-Celebración no Polígono de Vite. 12:00 horas. Encontro no Salón de Actos do Centro Sociocultural do barrio de Vite “José Saramago” (rúa Carlos Maside nº 7) coa intervención de:
Alfredo Santomil, Presidente da Asociación de Veciños do Polígono de Vite
María Pardo, concelleira de Urbanismo do Concello de Santiago de Compostela
Ana Mª Domínguez Laíño, presidenta da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia
María del Pilar Pintos Vázquez-Quirós, viúva de Julio Cano Lasso

-Colocación da placa conmemorativa. 12:45 horas.

-Percorrido guiado polo polígono, con parada nas Vivendas de San Caetano e finalización no Auditorio de Galicia, ambas, obras de Julio Cano Lasso. 13: 00 horas

-Celebración na sede colexial. 20:00 horas. Reflexión sobre a capacidade transformadora do arquitecto na cidade e acto de cesión da maqueta orixinal do proxecto de Vite por parte do Concello ao Colexio de Arquitectos

-Presentación da proxección “Fotografías de Arquitectura Contemporánea en Santiago de Compostela”, do fotógrafo Fuco Reyes. 20:30 horas

Martes-2

-Charla impartida por Manuel Gallego Jorreto sobre o Museo das Peregrinacións, organizada polo Consorcio da Cidade de Santiago, coa colaboración do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Lugar: Museo das Peregrinacións (Praza de Platerías).19:30 horas.

Xoves-4

-Proxección e entrega de premios do Concurso de Curtametraxes Tripomant na Cidade, organizada por k2c Arquitectas, coa colaboración da Delegación de Santiago Colexio de Arquitectos de Galicia. Lugar: O Ensanche Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal (rúa Frei Rosendo Salvado nº 12-14, baixo). 19:00 horas.

Do martes-2 ao venres-5

-Proxección continua da montaxe “Fotografías de Arquitectura Contemporánea en Santiago de Compostela”, do fotógrafo Fuco Reyes. Lugar: Salón de Actos do Colexio de Arquitectos de Galicia (Praza da Quintana nº 3, baixo). 10:00 a 20:00 horas, excepto martes e xoves, que pechará ás 18:30 horas.



 









 


>> «Hoy por hoy», cadena SER, entrevista a Ana Domínguez Laíño e Alfredo Santomil

>> «Hoy por hoy», cadena SER, entrevista a Julio Cano

>> «TVG, informativo