Noticias
Revista de Prensa
Audios
Videos

foto teleférico
foto bicicleta autobús

foto bicicleta

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela e o Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) asinaron un convenio de colaboración para traballar conxuntamente en proxectos que sexan de interese para as dúas entidades. No acto estiveron presentes o presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, e o decano do COAG, Celestino García Braña, ademais doutros membros da Cámara como a súa secretaria xeral, Filomena Casal, e o seu secretario xeral adxunto, Fernando Barros. Por parte do COAG tamén estiveron presentes na firma o secretario, Alfredo González Cascallana, e dous membros da xunta directiva da Delegación de Santiago de Compostela, Miguel Serrano e Jorge Duarte.

Con este convenio as dúas entidades comprométense a colaborar no desenvolvemento dos proxectos para os que as dúas partes consideren que existen obxectivos comúns e que formen parte dos seus compromisos de contido empresarial.

Deste xeito a Cámara de Comercio dará preferencia ás solicitudes que o Colexio de Arquitectos lle formule para o posible uso das súas instalacións, co obxecto de celebrar reunións, conferencias e calquera acto que de común acordo se pretenda realizar, sempre que medie unha reserva e dispoñibilidade en horarios e datas solicitadas. Segundo Asorey, o convenio tratará co tempo de “mellorar aspectos dun sector tan importante como o da construción e situar a Galicia en primeira liña desta actividade”.

Pola súa parte, o Colexio de Arquitectos comprométese a difundir información das actividades a realizar e captar alumnos e xestionar os aspectos programáticos e administrativos da formación a realizar. Tamén a Cámara, a través dos seus diferentes medios de comunicación e difusión, poderá colaborar nesta promoción para que as actividades sexan aproveitadas polo maior número de persoas.

O decano dos arquitectos manifestou que se trata dun “acto pragmático e simbólico” que axudará á profesión na adquisición dunha visión máis empresarial. “Hai que dar continuidade ás nosas relacións comerciais e empresariais” – apuntou García Braña. Asegurou tamén que a profesión entra nunha época na que os estudos medios e grandes serán os protagonistas, cunha identidade multidisciplinar como símbolo de cambio onde traballarán profesionais com capacidade de mediación.

Crearase unha comisión paritaria formada por un representante de cada unha das partes asinantes que se encargará da planificación e desenvolvemento das actividades que se prevén no presente convenio.

Convenio de colaboración entre a Cámara de Comercio e o Colexio de Arquitectos