Noticias
Revista de Prensa
Audios
Videos

A Praza de Galicia é un punto neurálxico da cidade, o conector da Cidade Histórica co Ensanche, e xunto con esta, o conector da zona norte e a zona sur. Recolle o tráfico rodado da rúa Virxe da Cerca que desemboca nas rúas Fonte de Santo Antonio e A Senra. Tamén engule o que del cabe nun aparcamento subterráneo e, ademais, distribúe o tráfico peonil norte sur, cara a Cidade Histórica, cara ao Ensanche e cara a estación de tren. A súa forma actual responde a unha acción “traumática” que fixo desaparecer un edificio emblemático da cidade para cambialo por “nada”. Ata aquí podería ser un resumo de como se atopa a situación actual da praza.

As preguntas que xorden son as seguintes: Como solucionar este problema? Considerando unha nova ordenación do tráfico e facendo a praza máis atractiva e útil? Destas preguntas parte o concurso de ideas que se decidiu recentemente. O problema, no entanto, é máis profundo e ten relación co uso da cidade. Parece ter máis que ver coa mobilidade xeral e coas alternativas ao vehículo privado que vaian máis alá da rede de liñas de transporte público. Tamén parece ter máis valor co uso dos espazos públicos e o seu aproveitamento para algo máis que aparcar ou circular en coche.

As ideas aportadas polos concursantes para solucionar o problema tal como se propuxo deixan patentes a complexidade e a dificultade do lugar, pero tamén apuntan liñas de traballo e observacións que poderían terse en conta para convocar, sobre elas, un novo concurso de solucións reais. Sobre as reflexións que deixan caer os concursantes se percibe claramente que hai que trazar, primeiro, un sistema de mobilidade que recolla as necesidades dos habitantes de toda a cidade e que responda, ademais, a un determinado modelo de cidade e de crecemento.

Deberá suxerir, por riba de pretender a axilidade do tráfico rodado, a súa racionalidade fronte a outros medios de desprazamento e a adecuación a circunstancias de crecemento sostible. Pensar no tráfico rodado exclusivamente como problema esquecendo que o problema é a cidade parece, simplemente, pan para hoxe…

Por outra parte, realizar sobre as propostas do concurso un mixto de varias, sen unha reflexión no sentido que se sinala anteriormente, non axuda a centrar o problema e a reflexionar, senón o contrario, banalízao aínda máis e desperta discusións sobre temas case anecdóticos.

Desde a Delegación de Santiago do COAG proponse que non se manipulen as propostas dos participantes e que se utilice o concurso de ideas recentemente decidido como base para a reflexión que dará lugar a un futuro concurso. Este abarcará unha área maior da cidade e solucionará definitivamente o problema que estará, esta vez, ben formulado, ben documentado e con directrices claras.

Xunta Directiva da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia

 

O futuro da Praza de Galicia (Xunta Directiva)


ONDA CERO 15.02.08

PUNTO RADIO 15.02.08