Belinda Tato explica diversas accións urbanas realizadas polo seu estudo
As seguintes conferencias celebraranse o 14 de maio e o 4 de xuño, ás 20:00 horas na Fundación Araguaney, cos arquitectos Juan Requejo Liberal e Albert Cuchí
A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) presenta o 7 de maio, ás 20:00 horas na Fundación Araguaney, un ciclo de conferencias para crear debate social sobre a transformación da cidade coa chegada do AVE, que abrirá a arquitecta Belinda Tato co seu relatorio Participación cidadá e criterios de sostibilidade na transformación da cidade. Trátase dun ciclo de tres conferencias cun debate posterior, aberto a todos os cidadáns e ao que están invitados os grupos políticos e colectivos sociais de Compostela.
Este foro ven a respaldar a convocatoria de ideas aberta polo Colexio compostelán ata o próximo 8 de xuño para crear un espazo de debate sobre a construción da cidade desde a implantación da nova estación. As propostas que se presenten deben ir encamiñadas a mellorar a conexión entre as distintas partes da cidade; mellorar os espazos urbanos configurados coa intervención e a mobilidade nesta área; eliminar a tradicional barreira das liñas férreas e integrar os novos usos propostos na urbe.
Belinda Tato será a encargada de crear o debate social a partir de hoxe na cidade. Segundo a súa experiencia e o traballo realizado desde o estudo madrileño Ecosistema Urbano, a arquitecta expoñerá unha das liñas mestres do seu estudo: as accións urbanas. “Generamos propuestas para la ciudad en colaboración con los ciudadanos, propiciando un debate –apunta Tato.
Este estudo de arquitectura atende as peticións de diversos municipios, universidades ou asociacións de veciños para crear un taller de ideas e opinar sobre o urbanismo da súa cidade. “Son talleres de creatividad colectiva mediante participación ciudadana, que facilitan la reflexión, la propuesta y la toma de decisiones consensuada en torno a temas explícitos o latentes que preocupan a los vecinos” –explica a arquitecta. Con este produto pódense desenvolver procesos de detección e diagnóstico de problemas ou temas clave nunha comunidade.
Ecosistema Urbano é un equipo de arquitectos e enxeñeiros centrado na investigación e o deseño ecolóxico de novos proxectos de arquitectura que entenden o desenvolvemento sositible como fonte de innovación e entusiasmo. Xa realizou traballos en cidades de Alemaña e Polonia, así como en varias urbes españolas.
A seguinte conferencia realizarase o xoves-14 de maio. Nesta ocasión, o tema a debate será Mobilidade urbana. Cidade e territorio, un relatorio dirixido por Juan Requejo Liberal. Finalmente a terceira conferencia celebrarase o 4 de xuño. O arquitecto catalán Albert Cuchí será o encargado de falar sobre O espazo verde na rexeneración urbana. As conferencias enmárcase dentro dun Foro de Debate sobre a Transformación da Cidade que complementa á convocatoria de ideas sobre a chegada do AVE proposta polo Colexio. Este ciclo faise en colaboración ca Fundación Araguaney, Emmuvisa, a Concellaría de Urbanismo do Concelllo de Santiago de Compostela e a Aula de Renovación Urbana e Rehabilitación.
