Os arquitectos composteláns cren preciso devolver a auga ás Brañas de Sar para transformar o modelo urbano da cidade cara a sustentabilidade

Así o manifestaron esta tarde na presentación das catro propostas dos alumnos da Aula de Renovación Urbana e Rehabilitación

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2011 (Vía Láctea Comunicación).- A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG-Santiago) presentou esta tarde no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) catro propostas para a xestión sustentable da auga urbana de Santiago de Compostela realizadas por alumnos da Aula de Renovación Urbana e Rehabilitación e desenvoltas baixo a dirección de Albert Cuchí durante o Máster en Renovación Urbana e Rehabilitación da USC (curso 2009/2010).

O obxectivo destes traballos foi o estudo dos sistemas de xestión das augas utilizados tradicionalmente na cidade, co fin de ofrecer propostas que reduzan os niveis de contaminación da auga devolta ao medio, o impacto das obras hidráulicas, o dispendio da auga potable, a erosión do terreo e os custos da depuración e distribución. Ao mesmo tempo pretende recuperar o aproveitamento agrícola e gandeiro das augas.

O enfoque dos traballos: As Brañas de Santiago

Segundo explican desde a delegación dos arquitectos composteláns, en orixe as Brañas do Sar foron un espazo dedicado á recuperación dos nutrintes arrastrados pola auga de escorrentía de Santiago, e constituían unha peza fundamental no metabolismo urbano, xa que permitían pechar un ciclo agrícola no que o exceso de materia orgánica e de auga producidas na cidade era aproveitadas para manter a fertilidade dos campos.

Pero o abandono do modelo produtivo tradicional e a súa substitución polos modelos propios da sociedade industrial mudaron tamén os ciclos produtivos pechados por un sistema de ciclos abertos, nos que resulta imprescindible aportar continuamente diversos produtos minerais que xeran cantidades cada vez maiores de residuos de moi complexa xestión.

Para solucionar o problema de contaminación da auga foi necesario construír custosas infraestruturas, como os colectores do Sar e do Sarela, unha solución insuficiente que precisa doutras estratexias máis directas. “É preciso intervir directamente sobre a totalidade da cunca do río Sar, tanto no contorno urbano de Santiago como augas arriba, para devolver a auga ás Brañas e transformar así o modelo urbano da cidade cara a sustentabilidade ” –indican desde o Colexio.

Os contornos aos que se dirixen as propostas son:

A presentación destes traballos forma parte do ciclo organizado polos arquitectos de Santiago, A auga de Compostela. Patrimonio para unha cidade sustentable, en colaboración coa Concellaría de Medio Ambiente de Santiago e o Máster de Renovación Urbana e Rehabilitación da USC.

Autoría das propostas

  1. Cidade histórica: Marcelo Badilla Cofré, Manuel Bugallo Otero, Carolina Domínguez Gómez, Paola María Mochales, María José Zelada Tomé
  2. Fontiñas: Belén Castaño Montoiro, Diego Mosquera Gómez, Sabela Núñez Acevedo, Teresa Vázquez Hernández
  3. Santas Mariñas: Alexandre Antunes Moreira, Isabel Sáez Alonso, Estefanía Vázquez Martínez
  4. Brañas de Sar: Luis Álvarez Fernández, María Arufe Noya, María del Carmen Carballeira Rodríguez e Lourdes Franco Martínez

Descargar propostas (en pdf):

>> Cidade histórica
>> Fontiñas
>> Santas Mariñas
>> Brañas de Sar

>> Cartel
>> Invitación

Entrevista a Jorge Duarte e Luis Álvarez sobre as catro propostas das Brañas do Sar da Aula de Renovación Urbana