Noticias
Revista de Prensa
Audios
Videos

Os problemas asociados á rehabilitación de vivendas e espazos públicos e da xestión urbana en áreas de recursos económicos limitados é o tema sobre o que versará a conferencia Vale un Perú, intervención inaugural do Máster-Aula de Renovación Urbana e Rehabilitación da USC que pronunciará o profesor da Escola de Arquitectura Roma Tre, Andrea Vidotto.

A inauguración do curso celebrarase este venres 17 a partir das 18:30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca presidida polo vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Pló. A esta sesión está prevista ademais a asistencia do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o xerente do Consorcio de Santiago, Xosé Manuel Villanueva; a directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, Encarna Otero; o concelleiro de Urbanismo de Nigrán, Juan González Pérez; a xerente da Fundación Gonzalo Torrente Ballester, Amparo Porta; a directora do Instituto de Estudos Turísticos, Anxos Piñeiro; e o tesoureiro do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, José Antonio González.

Cincuenta alumnos

Ata o mes de xullo de 2009 arquitectos, aparelladores e xeógrafos cursarán este máster no que traballarán sobre proxectos de renovación urbana que responden a problemas actuais dos distintos centros históricos de Galicia. Así, estudarán a rehabilitación de edificios de valor ou catalogados habitados ou baleiros, de conxuntos de edificios de valor cultural, de renovación de tecidos históricos ou, entre outros, de accesibilidade e relación entre os centros históricos e o resto da cidade.

Andrea Vidotto

Profesor de Composición Arquitectónica na Facoltà di Architettura da Università degli Studi Roma Tre, Andrea Vidotto (Como, 1942) profundou en investigación tipolóxica e experimentación en proxectos de construción residencial, estudando en Holanda no Instituto de Investigación da Escola Politécnica de Delft. No relativo á edificación popular e de baixo custe en Italia, colaborou como consultor coa Asociación Nacional para a Vivenda Pública de Italia entre 1978 e 1982.

A súa actividade de investigación dentro das experiencias europeas concentrouse nos últimos anos en Dinamarca, onde realizou estudos e experimentación en temas de construción en xeral e no asentamento de novos modelos en construción residencial, de modo particular, en innovación tipolóxica.

Foi asesor municipal da cidade de Trento en tres plans de recuperación do seu centro histórico, distinguidos cunha mención no Premio Gubbio da ANCSA (Associazione Nazionale dei Centri Storici Artistici) en 1993.

Tamén forma parte do equipo responsable de planificar os estudios e as ofertas de edificación da Universidade Roma Tre na área do barrio Ostiense en Roma. Ademais, coordinou o proyecto de reutilización da antiga ‘Vasca Navale’, canal de probas higrostáticas, de augas tranquilas, destinada á Escola de Enxeñaría. Entre 1999 e 2002 proxectou e realizou para a Sovrintendenza Archeologica de Roma pequenas obras insertadas en contextos de importancia notable como as Termas de Caracalla e o Mausoleo de Cecilia Metella.

 

O Máster Aula de Renovación Urbana e Rehabilitación abre no Colexio de Fonseca unha nova edición