Mostra Nova Arquitectura Galega

Os 30 proxectos incluídos nesta mostra conforman a selección “Nova Arquitectura Galega 2024”, proposta polo COAG como símbolo dunha nova xeración que está chamada a definir os trazos da arquitectura galega no futuro.

Nomes e proxectos de arquitectas e arquitectos que formulan modos de traballo abertos e transversais, xunto con temas máis pegados polo xeral á escala do pequeno e diverso, como corresponde aos inicios dunha carreira profesional, onde todo é posible e está aínda por definir.

Proxectos de hoxe con perspectiva de mañá, que atenden ó sostible, ó social, á escala e ó respecto pola xeografía, mostrando unha capacidade á vez crítica e respectuosa co contexto.

Tamén proxectos e propostas que se emprazan fora de Galicia, expandindo a categoría do traballo destes autores noutros ámbitos, sociais, xeográficos e culturais contemporáneos. Amosando a capacidade de responder dende a nosa bagaxe local con solucións adaptadas a outros ámbitos.

Fronte a actualidade internacional que tende á homoxeneización das formas, o xurado desta nova xeración galega destaca a lectura preocupada desta selección polo bo facer construtivo, pola atención ó detalle e pola perseveranza reflexiva no tectónico, incluso nos proxectos aínda non construídos. Isto é algo pouco habitual noutros contextos, e leva a enlazar a súa actitude coa tradición propia de Galicia recente e pasada.

Finalmente, a selección destes 30 traballos e nomes representa unha nova escolma cara o futuro e quere servir de apoio a unha xeración aínda nova pero xa establecida e recoñecida. Unha xeración que sufriu os embates económicos das dúas últimas décadas, soubo afrontalos dende a profesionalidade e a capacidade adaptativa, e está chamada a tomar o relevo e ser o remprazo de figuras ben recoñecidas das última décadas do SXX.

Proxectos seleccionados

visualización dos proxectos seleccionados

Composición comité de selección e fallo

A acta do comité de selección pode consultarse no seguinte enlace:

Bases

As bases da convocatoria poden consultarse nos seguintes enlaces: